You are currently browsing the category archive for the ‘Cuarta potencia’ category.

Ruta 66 ten a xentileza de dedicarnos nada menos que UNHA PÁXINA ENTEIRA da súa sección ‘Encuentros’ no número do mes de marzo!!!!!!! Carlos Rego (outra vez, moitísimas gracias!) entrevístanos a conta da Cuarta potencia. Unha gran alegría!

Repasando no noso blog (si, aínda temos diso, aínda que sexa tan antigo coma pintar bisontes nas paredes) as entradas correspondentes ao 2010 que remata parece mentira que nos pasasen tantas cousas. Desde logo, nós non o esperabamos. Nos últimos doce meses tivemos de todo, a saber:

– Un cambio de local de ensaio, despois de que o anterior o levase por diante o progreso (o AVE, non o de Lugo).

– Un monte de concertos de presentación da Cuarta potencia.

– Varias visitas ilustres (coma esta dos Nueva Vulcano ou estoutra dos Vistalegre), coas súas festas correspondentes.

– Algunhas críticas que nos fixeron sentir moi orgullosos e outras que nos fixeron rir, entrevistas que nos fixeron sentir gratitude, programas de televisión nos que se acordaron de nós (coma este), e mesmo un libro no que saímos (disque tamén nos citan nun libro de texto de Primaria…)

Aniversarios que pasaron desapercibidos, homenaxes nos que participaríamos mil veces e o noso quinto cumpreanos, que celebramos con versións e unha gomaza histórica.

Debuts acojonantes como L’Uomo di Gomma, o supergrupo xurásico no que toca o baixo Roi.

– Un karaoke no que aparece o noso ‘Calamar’ e un recopilatorio de rock compostelán, Come on Pelegrín, no que sae o ‘Tigre, tigre!

– O Rock en Costa, por suposto!

– O inicio de Detrás da canción, un proxecto en acústico que nos levará por cincuenta localidades galegas de aquí a maio (levamos vinte, máis ou menos), e que nos está abrindo un camiño de guitarras acústicas, trebellos simpáticos e electrónica doméstica que non dubidedes que aproveitaremos para as cancións que veñan no futuro, se é que veñen (as cancións e o futuro).

– E, de postre, un concerto en Varsovia con nevada histórica incluída, unha desas cousas que se recordan toda a vida.

Moitas gracias a todos e a todas os que nos viñestes ver, ou nos levastes tocar, ou nos visitastes, ou nos apreciastes aínda que fose un pouquiño neste 2010. Que teñades un 2011 menos apocalíptico do que se anuncia por aí. E recordade: queredes a goma, pero a goma págase.

 

Gracias ao amigo Rubén Santamarta, aquí está o PDF de La Voz do venres pasado, na que sae a Cuarta potencia como un dos discos destacados do 2010 en Galicia. Merci!

O suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, di hoxe que Cuarta potencia é o segundo disco imprescindible do 2010 en Galicia. O primeiro é o de TAB, e o terceiro o de Nadadora, así que imaxinádevos o que nos alegra o recoñecemento…

Cando teñamos PDF colgámolo!

Hoxe estamos con Detrás da canción en Lugo, mañá en Verín e o domingo en Xinzo. As datas e os sitios, aquí abaixo:

DETRÁS DA CANCIÓN en LUGO
Obradoiro: Telecentro, 18.00h.
Concerto: Casa da Música, 20.00h.

DETRÁS DA CANCIÓN en VERÍN
Obradoiro: Telecentro, Casa da Xuventude, 18.00h.
Concerto: Casa da Cultura, 20.00h.

DETRÁS DA CANCIÓN en XINZO DE LIMIA
Obradoiro: Telecentro, Casa da Cultura, 18.00h.
Concerto: Salón de actos, Casa da Cultura, 20.00h.

O venres que vén vamos facer algo que nos ten moi ilusionados: a iso da unha do mediodía tocaremos para centos de rapaces e rapazas (se lles apetece e nos aguantan) no colexio Martín Codax de Vigo. O ano pasado tiveron nada menos que a Budiño… A ver se estamos á altura da audiencia!

Por outra parte, a nosa amiga Andrea entrevistounos para a revista do seu instituto, o Rosalía, en DC. Dixemos moitas tonterías porque mentres a facíamos estabamos comendo bocatas de xamón asado sen xamón asado (palabra!), e así non hai quen se concentre. O resultado pódese ler aquí.

Este venres estaremos en Melide, capital da movida nocturna galega. Presentaremos Cuarta potencia no Pub Gatos, acompañados nos amigos de Desbrozadora.

A última vez que fomos por Melide caeu unha nevada tal que tivemos que quedar a durmir alí, todos mocas, tamén é verdade…

Roi, resgardándose do frío de Melide. Feb 2009

Gracias ao gran traballo do amigo Txiki, por fin podemos escoitar a nosa Cuarta potencia no Spotify.

Quen nos coñece xa sabe que hoxe é un día ben chulo para nosoutros, porque vamos tocar cun dos nosos grupos favoritos de todos os tempos, os Nueva Vulcano. Se queredes vir vernos gozar, xa sabedes, as datas, os lugares e os prezos están máis abaixo. Se queredes vir de moca ao concerto de Santiago, tedes ata as 15.00 de hoxe para participar neste sorteo.

Vémonos estes días!!!

Ah! Onte estivemos no Planeta Furancho da Radio Galega. Podedes escoitar o resultado picando aquí.

E como sempre que tocan os Nueva sae o sol, velaquí a explicación:

Nueva Vulcano + The Homens

4 de marzo: Sala Moon, Santiago DC. 22.30h. Anticipada 8€ (A Reixa Tenda), taquilla 10€.

5 de marzo: Sala Mardi Gras, A Coruña. 22.00h. Anticipada 10€ (El Beasto), taquilla 12€

Promo varia esta tarde-noite.

– Ás 20.00 horas a TVG emitirá, na súa segunda canle, a G2 que se ve pola tdt, unha reportaxe que nos gravaron hai un tempiño no local que ensaio que xa tanto botamos de menos; será no programa Zigzag Diario, que se repite de madrugada e logo se colga na web da CRTVG.

– Ás 23.00 horas Vituco Neira, ese home ao que tanto temos que agradecer, entrevistaranos no Planeta Furancho da Radio Galega. Falaremos do disco e dos concertos dos próximos días.

E os concertos dos próximos días xa nos tardan tanto como a pulpada que nos meteremos entre peito e espalda o venres, probablemente (non é por presionar, Patrón!).

Nueva Vulcano + The Homens

4 de marzo: Sala Moon, Santiago DC. 22.30h. Anticipada 8€ (A Reixa Tenda), taquilla 10€.

5 de marzo: Sala Mardi Gras, A Coruña. 22.00h. Anticipada 10€ (El Beasto), taquilla 12€

Macarrismo na Iguana (Foto Iotaiota)

Macarrismo na Iguana (Foto Iotaiota)

Nueva Vulcano e The Homens sumarán forzas a próxima fin de semana nunha serie de concertos por Galicia. Os cataláns presentan o seu último disco, Los peces de colores, e os galegos fan o propio coa súa Cuarta potencia, e estarán o xoves na sala Moon de Santiago DC e o venres na Mardi Gras da Coruña. Nueva Vulcano seguen camiño o sábado actuando con The Fingers en La Iguana Club, en Vigo.

Nueva Vulcano son un fenómeno de culto para moitos. Agora presentan o seu terceiro disco, Los peces de colores (BCore, 2009), despois de Principal primera e do impresionante Juego entrópico, que os mantivo durante catro anos nos escenarios. Nesta ocasión, Artur Estrada canta máis alto e máis claro que nunca, e as súas incribles letras saen a relucir, apoiadas  por esa guitarra sucia e a veces tímida, polo baixo monumental de Wences Aparicio e pola batería contundente de Albert Guàrdia.

Pola súa parte, os composteláns The Homens presentan o seu cuarto traballo, Cuarta potencia, melodía a volumen atronador, inocencia pop e nihilismo negro, un disco que mostra á banda preocupada polas melodías e polas letras e, á vez, máis ruidosa que nunca.

Nueva Vulcano + The Homens
XOV 04 MAR, 22.30 h. 8/10€
Sala Moon, Santiago DC

Nueva Vulcano + The Homens
VEN 05 MAR, 22.00 h. 10/12€
Sala Mardi Gras, A Coruña

Nueva Vulcano + The Fingers
SÁB 06 MAR, 22.00 h. 8/10€
La Iguana Club, Vigo