You are currently browsing the monthly archive for Setembro 2009.

Seguimos cociñando a nosa Cuarta potencia. Para quen lle interese o proceso, diremos que neste momento estamos á espera de que Santi García nos envíe o máster definitivo, é dicir, un disco coas cancións mesturadas e masterizadas (a primeira mestura xa soaba xenial, pero somos un pouco tocanabos), ordenadas tal como van ir nos cedés e nos vinilos que logo Lixo Urbano (gracias!) enviará a planchar á República Checa. O proceso está levando algo de tempo, en parte porque as mesturas pasan do ordenador a un Studer de cinta, coma nos vellos tempos, e en parte porque, desde que nós deixamos o estudio, polo Ultramarinos pasaron nada menos que Charades, Nueva Vulcano, The New Raemon e La Célula Durmiente, e algún máis. Para que logo nos pregunten por qué marchamos á Costa Brava…

En fin, que se todo vai razonablemente ben, Cuarta potencia verá a luz alá por novembro. O resto vai indo: o deseño está listo, unha nova web vén de camiño, a promoción estase pensando, en pouco tempo colgaremos por aí un avance e en breve anunciaremos a data da presentación atutiplén, para que quen queira poida ir anotándoo na axenda. Prometemos facer o posible para que sexa unha noite chula!

Advertisements

Borracho fanegas a Wu, durante un concerto de Samesugas e The Homens: ¡Forellas, matao, quien te diera ser la mitad de roquero que los Samesugas!

Abilimi güenatelyuLa la la guau guau guauBogotá tá tá: Primeiras palabras das peroratas coas que, respectivamente, os nosos queridos baixista, guitarrista e organillista empezan sempre a chequear o micrófono nas probas de son. Despois de facer tantas, un acaba dándose de conta de que sempre toca e canta o mesmo, e de que os que comparten escenario con el fan exactamente igual, incluído o batería (tacataca tucutucu pun chas, pun, chaschás) e mesmo o técnico de son (achilipú arriquitaun).

Ah, a insondable rotina do rocanrol…

O próximo disco dos The Homens chamarase Cuarta potencia, e vaino editar o mítico selo Lixo Urbano.

Aí queda iso.

Facer a dos Redullos: realizar un grupo en escea o movemento tamén coñecido como “cambio de instrumentos”, no que cada músico intercambia a guitarra pola batería, o baixo polas maracas, etcétera, cos seus compañeiros de banda, para demostrar a súa pericia multiinstrumentista. Denomínase desta maneira en homenaxe á histórica e grandísima banda do Castiñeiriño, á que podedes ver aquí nun dos seus últimos bolos, e que ten como herdeiros directos aos fantásticos Royalties.

A todo isto, buscando vídeos dos Redullos atopei esta xoia, editada por JBP Terrino para o cuarto Rock en Costa, no que saen os Redullos, os Samesugas, os sempre esperados Pollegros e demais fauna de DC -incluídos nós, os The Homens, tocando con camisa e gravata!!!-, retratados no festival… e entre as paredes da vella Casa Xurásica! Snif, snif…

Terrorista: dise de calquera aparello (ampli, pedal ou instrumento) capaz de facer un ruído de la virgen, en argot aprendido de Santi García. Vamos, calquera aparello que mola.

Isto xa case está. Despois de escoitarmos mil veces a primeira mestura do noso novo disco, podemosvos asegurar varias cousas:

– Vai ter unha ducia de cancións.

– Vai saír en vinilo, en CD e na rede, baixo licenza Creative Commons.

– É posible que estea listo antes de final de ano: xa ten título, imaxe e quen pague pola edición (merci).

– As guitarras despeinan…

-…aínda que hai dous temas que non levan eléctricas (ou case).

– O 80 por cento das cancións espuman rabia…

-…e o outro 20 por cento amor extremo.

– Cristóbolo e os seus Moogs son a caña.

– Non nos vai facer ricos…

-… pero tampouco nos vai facer mal.

Iremos avanzando máis cousas neste blog, se é que a alguén lle interesan (e senón seguramente tamén).

O sábado pasado tocamos en DC, nas festas da rúa de Baixo, afamadas, tradicionais e fantásticas, as mellores da cidade sen dúbida ningunha. Moss, que estaba por alí, sacounos unhas fotos que mango directamente do seu Facebook. Gracias!

9935_132593102839_582972839_2460694_7991636_n

A besbella Inés recupera no seu fantástico blog unhas das risas máis grandes da pseudocarreira artística dos The Homens: o día que asaltamos o escenario do Festival Artenativa de Valga mentres Projecto Mourente nos versioneaba. Con tanta luz estroboscópica e tanto bote parece a LP45 en llamas.

Pódese ver tamén en Youtube.

Cóntannos que morreu a señora María, que vivía parede con parede coa antiga Casa Xurásica. Disque non escoitaba case nada (e máis lle valía: a súa cociña estaba pegada ao local de ensaio dos Samesugas), pero nós cremos que en parte facía como que non oía. Levábamonos ben, e é unha pena.

Por outra parte, desde esta noite temos a primeira mestura do disco novo. Algúns mocas xa estiveron celebrando o próximo nacemento e poñendo as cancións a toda castaña no Ambigú (un abrazo a Miguel, que tamén está fastidiado estes días), e din que soan moi ben. Outros teremos que esperar a que se ergan os veciños para dar opinión… pero con Santi xa se sabe que vai estar xenial!