You are currently browsing the monthly archive for Decembro 2009.

Aínda fixemos ben cousas neste 2009 que remata… Demos algúns dos concertos que máis recordaremos;  escribimos, gravamos e editamos un disco; fomos dúas veces a Sant Feliu de Guíxols; montamos unha pulpada no mellor chalet da Costa Brava, e só a demos por rematada cando os munipas nos botaron por tocar demasiado alto; coñecimos algúns restaurantes interesantes, aínda que a crise nos fixo reducir o presuposto; aumentamos a nosa flota de pedais e gadgets en proporción xeométrica; enterramos definitivamente as camisetas de raias; fundimos varios amplis e partimos varios pratos; viaxamos con xente coma Ber, Tomás, os Samesugas, os Novedades Carminha e outros moitos; algúns vivimos cambios vitais fundamentais; ningún deixou medrar melenas.

A ver o que pasa no 2010 e se sentimos algo novo. Abrigádevos en noitevella, que sempre me saídes da casa coma se fose agosto!

Gracias a todas e a todos os que viñestes saudar o nacemento da Cuarta potencia, tanto en Santiago DC como na Coruña, gracias a Lixo Urbano por editarnos tan guapamente o disco, gracias mil aos Novedades Carminha, que son máis grandes que a vida mesma, e gracias a millóns a Carlos Mourente, Tomás Ageitos, Soni Royalties e Joaquín Samesugas por acompañarnos no escenario e nos controis técnicos o outro día. A Ramón, o batería dos Samesugas, non lle damos as gracias: propoñémolo para que lle dean o seu nome a unha rúa en Vite.

Porque, aínda que pareza mentira, hai unha semana o noso batería, Xocas, andaba cunha man en cabestrillo despois de pegarse un gomo na moto en plan adolescente, e, ata o último momento, non soubemos se podería chegar ás dúas presentacións. Fíxoo, si, pero entretanto Ramón aprendeuse TODO o repertorio en tres días, disposto a botarnos unha man se nos fixese falta. Eres o máis grande, man.

En breve poremos aquí ou no facebook fotos dos concertos. Se tedes, enviádenos, que fixemos moi poucas!

Por outra parte, querémosvos dicir que, coma o resto dos nosos traballos, Cuarta potencia vai poder descargarse de balde desde a nosa web. Se neste momento non se pode é porque os webmasters están reformando a páxina. É de esperar que no que queda de semana todos poidades descargar o disco (salvo un par de cancións, por aquilo de fomentar a compra), e que os que compredes o vinilo vos poidades facer coa totalidade do disco en mp3. Tamén é de esperar que en pouco tempo as cancións estean no Spotify. Mentres, tedes dúas opcións: escoitar Cuarta potencia no noso myspace ou proceder coma bos piratas e buscalo pola rede adiante, que non é tan difícil…

Chegou o día. Dino aquí, aquí e incluso aquí. E non sabedes o que nos tarda que chegue tamén a hora. vémonos, ou?

The Homens+Novedades Carminha


XOV 17 DEC, 21.00 h. 10€
Sala Nasa, Santiago DC

VEN 18 DEC, 22.30. 10 €
Le Club Directo, A Coruña


De acordo, aínda temos todo bastante manga por ombro (as colaboracións, que as haberá; as sorpresas, que ao mellor; o repertorio, que ese si que está claro; o material, que sofre unha epidemia de avarías bastante rara), pero chegaremos a tempo. Mañá na Nasa de Santiago DC (e o venres no Le Club da Coruña) presentamos por fin a nosa Cuarta potencia, da que xa falaron nalgúns medios. Tamén tocarán os Novedades Carminha, que presentan Te vas con cualquiera, editado igualmente por Lixo Urbano. O concerto, por certo, vai ser emitido en directo entre as 23 e as 00 horas polo programa Planeta Furancho da Radio Galega Música, que dirixe o amigo Vituco Neira.

Vai ser un festón. Vémonos, ou?

The Homens+Novedades Carminha

XOV 17 DEC, 21.00 h. 10€
Sala Nasa, Santiago DC

VEN 18 DEC, 22.30. 10 €
Le Club Directo, A Coruña

Na web de El Correo Gallego sortean catro entradas para o concerto que o xoves damos na Nasa os Novedades Carminha e máis nós. Podedes participar aquí. Sorte!

A uns poucos días da estrea da Cuarta potencia (recordade, este xoves, ás 21, na Sala Nasa de Compostela, e o venres, ás 22.30, no Le Club da Coruña), xa empezamos a predicar a boa nova por aí adiante. O venres, o amigo Pepe Cunha falou de nós no Telexornal, e onte estivemos na Radio Oceánica.

Queda só unha semana para que presentemos a Cuarta potencia, e coa excitación da estrea saen á luz as obsesións de cada un dos Homens. A uns non lles chegan dúas conexións de entrada no ampli, porque as joden a pares; a outros non lles bastan pisos no armatroste de aguantar os teclados, porque sempre hai que sumar un aparello novo para facer “disparitos” (termo que en breve entrará no noso Vocabulario urxente); a outros máis non son capaces de superar as súas graves adiccións (todo grupo de rocanrol ten que telas).

A obsesión de servidor, Wu, é a de quedar sen voz, cousa que efectivamente me ocorreu despois do concerto do xoves na Sauna Provincial de Lugo. Iso si, o bolo foi ben chulo, a xente do Museo e da organización é majísima, os técnicos safáronnos dun par de esquecementos de importancia, e algunhas persoas xa tiveron a xentileza de levarnos as primeiras copias do disco, que probablemente xa estea nas tendas. O día 17, de todos modos, terédelo tamén na nosa web, se é que a damos posto a funcionar…

A voz ben, a todo isto. Total…

(O vídeo de U2 é unha montaxe, claro).

Aínda emocionados despois de recibirmos as copias da nosa Cuarta potencia (non as probamos todas, pero as que probamos tocan, e todo iso) enfocamos xa para Lugo. O xoves estaremos no Museo Provincial, poñendo o ruído nunhas xornadas sobre Músicas galegas de actualidade que organiza a AS-PG, á que lle agradecemos moito o convite. O asunto empeza ás 19.30 cunha charla dese fenómeno que é Xurxo Souto, e despois vamos nós. Esperemos que no museo apertasen as alcaiatas coas que aguantan as pezas…

Sempre que vamos a Lugo nos acordamos dunha das famosas historias fundacionais do grupo, aquela dos Super Furry Animals, o casco de Gruff Rhys, o baixista troiteiro e “uan veri frend of mai”… Sabédela, ou?