You are currently browsing the monthly archive for Xuño 2006.

Hostal Río Lor.
Quintá de Lor, Quiroga, estrada N-120, quilómetro 76. Tlf. 982 428 261.

Menú Homens:
Troitas do Lor.
Guiso de xabarín ou cervo.
Por riba, unha tarta Comtessa

Prezo aproximado por persoa: 17 euros.

Non se confundan con ese nome de fonda de estrada secundaria, aínda que o é. Non se equivoquen ao ver ao dono servir mentres roe nunha faria húmida, aínda que non sexa moi agradable. Non se trabuquen ao ver xunto á barra trofeos de campeonatos de España de pesca, escudos do Real Madrid, letreiros que anuncian festas en parroquias de nome sonoro, aínda que os haxa. Non me miren estrañados cando entren no seu comedor, mesas de churrasquería, manteis de plástico, servilleteiros-palilleiros e concorrencia camioneira. O Hostal Río Lor é, sen esaxerar, un dos templos gastronómicos deste país. Rétoos a que me leven a un chigre no que fagan mellor as troitas (se convidan, rétoos dúas veces). Desafíoos a que me mostren un lugar no que poñan pratos de caza con mellor relación calidade-prezo (se o atopan, pago eu).Levo anos parando, case sempre por motivos profesionais, no comedor do Río Lor.

Hai tempo, uns cincocentos metros máis arriba en dirección Monforte, había outro restaurante, o Mesón do Lor, outra cociña de sete estalos, pero penso que pechou. O do Hostal ten delito: os ases do gastropop pagamos 52 euros entre os tres por un primeiro de troitas de río, deliciosas; un segundo de porquello ou corzo guisados, apabullantes; e un postre de tarta Comtessa, mítica, máis bebidas, cafeses e demais andamiaxe. Entramos cunha resaca do quince, despois dunha durísima noite de chuza cos d3ö no Barco de Valdeorras; saímos batendo palmas e con ganas de botar unha sesta á beira do Lor, benditos sexan el e os seus produtos.

Advertisements

Chamábase Fucking Popi. Era velloco, rubiote, melenudo, medía cerca dun par de metros. Tiña un bar en Bruxelas no que a gran atracción, ademais da cervexa branca, era xogar ao cepo: por vinte céntimos (creo), o tipo dábache un martelo e unha punta de cerca dunha cuarta de longo; tiñas que cravala nun tocón de madeira máis rápido que os teus adversarios, se non querías acabar pagando as pintas de Blanche de Brugge. Seve Iribarne e máis eu foramos alí con Mário e Raquel, en pleno agosto belga, facer a dixestión duns mexillóns con maionesa, e acabamos dando tombos por non se sabe onde. Hai fotos que dan testemuña.Eu creo que, máis que calzado de birras, o tal Popi estaba un pouco pasado de fariña. Cuspía ao falar, cando contaba que fora road manager dos Stranglers nos primeiros oitenta. Mentres os outros tres do grupo ían de putas, dicía, o guitarrista e máis el comían coma reis nos restaurantes máis caros, cada día un menú, cada día unha cidade. O guitarrista acabou por escribir unha guía gastronómica das súas xiras, que é o que nos propoñemos iniciar aquí.

The Homens, unha banda de gastropop.