You are currently browsing the category archive for the ‘Na carriña’ category.

Os The Homens volvemos ás salas, o territorio que nos é máis querido. Este sábado estaremos celebrando o aniversario da Krazzy Kray, en Cambados (23.55). Despois poñerán discos as djs Las Hijas de ZP.

Nunca tocamos en Cambados, así que a ilusión é dobre.

Mil gracias a tod@s @s que vos achegastes o sábado ao Grelo Folc 2019 en Monfero. Gracias a Antón e Ana Das Restrebas polo convite, o caldo e a simpatía; grazas á Xangai por seren tan grandes e, sobre todo, á sección de ventos, que se prestou a un atraco a guitarra armada e nos acompañou nos últimos temas do concerto.

Seguiremos informando.

Fotos de Cres Tinita e LuZia E SuSiño

Ante a avalancha de peticións de entrevistas que derivou do anuncio de que volvemos aos escenarios (entre cero e ningunha), vémonos na obriga de escribir estas 5Ws para aclarar certas cousas a amig@s e familiares.

Que?
The Homens estamos de volta. Non sabemos onde nos vai levar isto. Non sabemos o que vai durar, canto nos van cundir o fol e as ganas, nin se quedaremos a medio camiño. A idea é volvermos á ruta e irmos incorporando pouco a pouco cancións novas, e xa temos unhas cantas. Como hai dez anos, cando xuntemos carto para gravalas, gravarémolas. Sen présa, sen presión. A vantaxe de que a un lle faigan pouco caso é que pode facer o que lle pete. E nesas andamos.

Cando?
O primeiro acto é o próximo sábado 19 no Grelo Folc, frente ao mosteiro de Monfero. Hai acción durante todo o día e os concertos (Os Feroces da Galgueira, servidores e a incrible Banda Xangai) comezan ás 21.00. Despois xa se verá.

Como?
En formación tridente, a toda mecha e vestindo, mentres nos entre, a gloriosa elástica bianconera. É unha pena non podermos contar de momento con Cristovo, ao que tanto queremos e que esperamos que algún día se poida reenganchar. Saímos a xogar en formación de tres; así tocan a máis os chuchos.

Onde?
O espazo ten importancia na decisión de regresar. É dicir, o feito de que por primeira vez en case dez anos os tres Homens dos primeiros tempos estamos vivindo no mesmo lugar, Santiago D.C. Sabiamos que isto ía pasar, que en canto nos vísemos os jetos e houbese de novo a posibilidade, ía empezar a picarnos a rabia do rocanrol. Así foi.

Por que?
Por que non? Por pasta: como da primeira ocasión non conseguimos arruinarnos, vamos ver de intentalo unha vez máis. Por aclamación popular non, aínda que durante estes anos de clandestinidade sempre agradecemos as vosas palabras de alento. Por exhibicionismo… en fin, é de imaxinar que algo diso haberá, pero non nos parece que o teito de cristal do rock en galego estea hoxe moito máis alto que hai dez anos. Así que sabemos que, coma sempre, imos tocar para pouc@s. Pero para @s mellores. Por que, entón? Porque si.

Por causa do terrible accidente de tren de onte, o Concello de Santiago decidiu suspender toda a programación festiva do Apóstolo, incluído, naturalmente, o noso concerto cos Samesugas do sábado pola mañá. The Homens queremos expresar a nosa solidariedade coas vítimas e coas súas familias. E queremos saber, tamén.

1017687_10151574380469440_1857313910_n

 

Pola hora vella, si. The Homens regresamos provisionalmente aos escenarios o próximo día 27 e vámolo facer recuperando algunhas cancións e algunhas cousas dos nosos inicios como banda, hai sete ou oito anos (que tampouco é tanto). Na imaxe, o noso xefe de estilismo valoran a posibilidade de recuperar a raia horizontal como proposta estética; segundo parece, Amancio Ortega xa se enterou de que volvemos ás táboas e apurou a poñela de moda outra vez.

homens_zonaC5

The Homens estamos de volta. Provisionalmente, de momento por un único concerto, pero aí andamos. O próximo sábado 27 de xullo contra o mediodía volvemos ao escenario dous anos despois da nosa última cabalgada oficial, no 2011, gracias á insistencia e o apoio de Carlangas, de Novedades Carminha, organizador do asunto. O bolo é perfecto, ademais, porque acompañaremos aos Samesugas nunha sesión vermú garaxeira na sala Zona C de Santiago DC

Para a ocasión vamos recuperar a nosa formación orixinal de trío; Cristovo non pode achegarse, e ben que o sentimos. Tentaremos tocar, ademais, moitos dos temas dos primeiros EPs do grupo; se tedes algunha suxerencia será ben recibida.

Ata o momento levamos un par de ensaios e as sensacións son moi boas. Fáltanos ritmo de partido, esquecéronnos algunhas letras e xa non recordábamos como zumban os ouvidos despois dun entreno dos Homens. En fin, nada grave.

Esperámosvos.

Brodas e sistas, hoxe remata o verán do 2011 e, con el, a nosa actual encarnación como grupo. Como xa vos comentamos en posts anteriores, despois do concerto desta noite en As Pontes (Cine Alovi, 21.00 horas, 3 euros) faremos unha parada técnica: Xocas marcha á emigración e, por moito que digan, de momento non é moi cómodo facer rocanrol vía skype. O parón durará o que teña que durar: nós non sabemos canto.

Con todo, aínda quedan un par de cousas que facer e cabos soltos por atar. Nos próximos días remataremos a gravación dunha canción para o disco homenaxe a Os Resentidos que impulsa o amigo Marcos Payno, e, aproveitando, deixaremos rexistrada unha canción nova (Mans, mans, mans, coma aquela mítica de Fame Neghra, pero distinta) que xa veremos como se edita. Ademais, dentro de pouco sairá o disco de apoio á Liga Nacional de Billarda, para a que aportamos outro tema, Eles vs. nós, gravado no 2009 cabo de Santi García.

Mentres esteamos parados seguiremos dándolle á música dalgunha maneira, seguro, Roi cos Mato Grosso (que acaban de gravar disco) e outros no salón da casa coa descendencia. Iremos contando esas cousas a través das múltiples ventás que temos abertas, ou non, a ver como nos dá.

En fin, que me poño nostálxico e non digo o principal: despois do concerto de hoxe, goma estrema polos bares ponteses!

Gracias por todo.

O grupo compostelán The Homens levará o seu repertorio de pop extremo o venres 23 a  As Pontes (Cine Alovi, 21.00h., 3 euros). Para The Homens este será o último concerto antes dunha parada nas súas actividades de duración aínda por determinar.

 

Nunha data tan especial, Xocas (batería), Roi (baixo e voz), Martin Wu (guitarra e voz) e Cristovo (teclas, pandeiretas e enxeñería eléctrica) farán en As Pontes un concerto que comezará coas reinterpretacións acústicas das súas cancións feitas para a xira ‘Detrás da canción’ (2010-2011), para despois cargarse de electricidade e rematar co seu repertorio de pop enérxico e bailable.

 

A entrada ao concerto custa 3 euros, e pode mercarse na taquilla do Auditorio Municipal Cine Alovi o xoves 22 de 12.00 a 13.30 horas e o venres de 12.00 a 13.30 e a partir das 19.30 horas ata o comezo do concerto.

 

O grupo compostelán leva seis anos tentando cadrar a ecuación que combina melodía, enerxía e actitude, o gusto polo pop británico de todas as décadas e a enerxía do punk americano dos oitenta, engadíndolle psicodelia e experimentación. O seu último disco, Cuarta potencia (2009), continuación do seu celebrado Tres, é melodía a volume atronador, é inocencia pop e nihilismo negro, e mostra á banda máis preocupada polas melodías e polas letras e, á vez, máis ruidosa que nunca. Producido de novo por Santi García (Nueva Vulcano, Charades, The Unfinished Sympathy…), o disco contén doce cancións nas que The Homens envorcan todo o vivido e aprendido en un lustro de xira sen fin.

 

The Homens

VEN 23 SET, 21.00 h. 3€

Cine Alovi, As Pontes



O concerto que The Homens daremos en As Pontes (Cine Alovi, 21.00 horas) o próximo venres 23 vai ser especial por varias razóns. Por un lado, será a primeira vez que toquemos na vila natal do noso batería, ilustre pontés e encargado da pirotecnia na romaría da Esfarrapa; para celebralo, faremos un programa ‘medio-medio’, coma os vermús dos profesionais, comezando cun miniset acústico e acabando en eléctrico desbocado.

Por outra parte, o bolo das Pontes vai ser o último que deamos nunha boa temporada. Xocas marcha un tempo para a emigración, así que o resto dos Homens pasaremos á clandestinidade e aproveitaremos para facer outras cousas, escribir cancións novas, engomar, sobrevivir, contribuír á revolución e reflexionar sobre a pesca da troita en América.
Gracias por todo. Seguiremos informando.

Atención á afirmación pomposa: a última edición do Rock en Costa vai significar para moitos de nós o final dunha época. O sábado que vén, o festival que levamos organizando desde que empezou o século baixa a persiana. Os encargados de pechar seremos L’Uomo di Gomma, Samesugas, Royalties, uns reunidos Redullos e os The Homens, todos grupos vencellados á Asociación Xurásica, que organiza o evento. Coma sempre, o concerto faise no barrio do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela (desta vez no antigo colexio Ramón Cabanillas), a entrada é de balde e as bebidas son baratas.

Eu (Wu) non estiven nas primeiras edicións do Rock en Costa. Perdín un par delas porque houbo uns anos nos que non vivín en Compostela. Si que participei, en cambio, do ambiente da Casa Xurásica a mediados e finais dos noventa, que foi cando se instituíu esta especie de local de ensaio e salón social para punks que aínda é hoxe. A casa orixinal séguese sostendo, de milagre, na rúa da Chaparra, fronte ao valado da escola de FP. Cando cheguei a Santiago DC para estudar, no 1996, alí ensaiaban xa os Redullos, penso que Por Teléfono, Fame Neghra e Pesadelo en Mouronçom (aos dous últimos grupos uniríame eu meses despois). A nómina dos que fixeron música entre as súas paredes decrépitas, fose de xeito habitual ou episódico, é impresionante para quen coñeza a minúscula historia do rock compostelán: por algunha das tres localizacións que tivo a casa (a primeira na Chaparra, a segunda xunto á vía do tren na rúa do Castiñeiriño e a actual, en Meixonfrío) pasaron Samesugas, Royalties, Fulsomes, Street Fighter, The Homens, Pollegros, Novedades Carminha e tantos outros que agora esquezo.

O festival foi unha evolución natural dos ensaios. Faciamos, e facemos, moito ruído, e sabémolo. Os veciños do Castiñeiriño nunca protestaron. Como premio, en lugar de regalarlles un día sen amplificadores ocorréusenos sacar os altavoces á rúa e facer un ensaio aberto a todo o mundo. Algo diso tiñan os primeiros Rock en Costa, os que se fixeron (de aí o nome) na pendente da rúa da Chaparra, e nos que tocaban os grupos da casa e outros conxuntos amigos. A cousa fíxose así entre o 2000 e o 2005, con algún ano no que se faltou á cita e algún outro no que a festa se tivo que trasladar ao interior pola chuvia. Xa digo que nas primeiras edicións non estiven; quen queira facer puntualizacións será benvido.

Desa época recordo, iso si, o fabuloso ano (sería o 2004) no que os Pollegros, a orquestra do hardcore, tivemos que tocar dúas veces: a primeira cando nos era propio, ao principio do festival; a segunda, ás tantas da mañá, bastante prexudicados, para pechar o concerto e deixar bo sabor de boca ao público despois dun amago de ostias cun grupo madrileño que se propasara co público. Recordo tamén deses anos a Janite tirando bebida á rúa desde o piso de arriba da casa; o reparto de ceras Jovi, cortesía de Leche Pascual, a razón dun paquete de catro por cada cervexa; un chuzas que se colgou do valado de formigón da escola e o partiu, coa conseguinte costalada; as carreiras para conseguir palés cos que elevar os amplis e evitar así que se mollasen coa auga dos aspersores duns chalets que hai máis arriba.

O festival foi medrando ano a ano naquelas edicións seminais. A alguén (probablemente a Soni ou a Xocas, que foron, con Alberte, a alma da organización todos estes anos) se lle ocorreu que estaría ben pedir permiso ao Concello en lugar de ocupar a rúa polas bravas. A alguén se lle ocorreu poñer un picho de cervexa; imaxino a sorpresa do encargado de instalalo, vendo que o tiña que deixar ante a porta dunha casa case arruinada. A alguén se lle ocorreu poñer uns focos, bandeirolas e unha barra rudimentaria, vender rifas, pedir axudas municipais…

Que eu lembre, o 2005 resultou o punto de partida do Rock en Costa tal e como hoxe é. Foi a primeira vez que saíu da empinada rúa da Chaparra para pasar ao campo da festa do Castiñeiriño, agora soterrado debaixo de varios edificios de vivendas. Naquela ocasión o palco fora un pequeno camión de orquestra e contratárase por primeira vez equipo de son. The Homens fixemos alí o noso primeiro concerto, aínda sen as camisetas de raias que despois paseariamos por tantos palcos. Actuaran tamén Pollegros, Samesugas, Post Mortem e Redullos. No vídeo de abaixo podedes ver imaxes dese ano (aínda que poña que foi no 2004, Terri equivócase, foi o do 2005) e da Casa Xurásica orixinal por dentro.

A cousa seguiu medrando. Ao ano seguinte coincidiu coas festas patronais do barrio e significou o inicio dunha tradición que non se rompeu ata a edición especial do 2011: no Rock en Costa sempre tiña que tocar algún grupo portugués. A cita tivo dúas datas no 2006: o xoves celebrouse o festival grande, no campo da festa, con D3Ö, de Coimbra, The Homens, The Lorchas e Bang 74; o sábado houbo un regreso etílico e tolo á rúa da Chaparra, no que actuaron (polo menos) Los Iribarnes, Pollegros e os Redullos, que se despedían da escena. Creo recordar que houbo máis bandas.

No 2007 houbo festa de presentación na sala Nasa, con Los Ruínes, The Homens e o celebrado debut en directo de Projecto Mourente. No festival actuaron os lisboetas Act-Ups, Samesugas, Última SacudidaRoyalties e os Riff Raff ferroláns, impersonators dos AC/DC.

A edición seguinte, a do 2008, foi para min especial, cun campo da festa abarrotado e cinco grupazos, os portugueses Sizo e Bunnyranch, os vascos Paniks, os coruñeses Black Panda e os locais Dr. Gringo. O bolo dos Sizo aínda é hoxe un dos que máis me impresionaron de todos os que vin. Paralelamente, eses foron anos de gran actividade da Asociación Xurásica, que organizou roteiros a pé, torneos de baloncesto e outros concertos durante o resto do ano, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, con grupos composteláns e de fóra.

Confeso que nas últimas dúas edicións perdín un pouco de comba. Axudei na organización a medio gas, e ao concerto nin puiden ir. Son as cousas de envellecer e sobre todo de ter un neno. No 2009, cando o evento se fixo no interior do Centro Sociocultural cos lusos Green Machine e os galegos Novedades Carminha, Minapolaris e uns Royalties trompeteros, só puiden ir ás probas de son; era a primeira vez que saía da casa despois de ser papá.

No 2010 tampouco estiven: tocaron, na pista de básquet do Centro Sociocultural, Born a Lion pola parte portuguesa e Skarmento, Foggy Mental Breakdown e Los Chavales pola galega.

E o sábado acaba todo. Polo menos en principio. Montar un festival leva tempo e custa cartos, agora que non abunda nin unha cousa nin a outra. Foron, con todo, uns anos preciosos de rocanrol, festas extremas, intensas reunións na caseta de madeira da rotonda do Castiñeiriño e quilométricos intercambios de e-mails. O proceloso proceso de confección do cartel é para comentar noutra ocasión. A mellor despedida que lle podiamos dar ao noso festi é xuntarnos os grupos que actualmente ensaiamos na Casa Xurásica, a directiva da Asociación (Xocas, Soni, Alberte, Iria, Peke, Álvaro e todos os demais, sodes moitos e teño pouca memoria) e os esforzados socios para prenderlle lume á noite, recordar todo o que foi e empezar a pensar no que será. O festival pode rematar, pero os punks seguiremos séndoo ata o final.

Vémonos o sábado.