Brodas e sistas, hoxe remata o verán do 2011 e, con el, a nosa actual encarnación como grupo. Como xa vos comentamos en posts anteriores, despois do concerto desta noite en As Pontes (Cine Alovi, 21.00 horas, 3 euros) faremos unha parada técnica: Xocas marcha á emigración e, por moito que digan, de momento non é moi cómodo facer rocanrol vía skype. O parón durará o que teña que durar: nós non sabemos canto.

Con todo, aínda quedan un par de cousas que facer e cabos soltos por atar. Nos próximos días remataremos a gravación dunha canción para o disco homenaxe a Os Resentidos que impulsa o amigo Marcos Payno, e, aproveitando, deixaremos rexistrada unha canción nova (Mans, mans, mans, coma aquela mítica de Fame Neghra, pero distinta) que xa veremos como se edita. Ademais, dentro de pouco sairá o disco de apoio á Liga Nacional de Billarda, para a que aportamos outro tema, Eles vs. nós, gravado no 2009 cabo de Santi García.

Mentres esteamos parados seguiremos dándolle á música dalgunha maneira, seguro, Roi cos Mato Grosso (que acaban de gravar disco) e outros no salón da casa coa descendencia. Iremos contando esas cousas a través das múltiples ventás que temos abertas, ou non, a ver como nos dá.

En fin, que me poño nostálxico e non digo o principal: despois do concerto de hoxe, goma estrema polos bares ponteses!

Gracias por todo.