You are currently browsing the monthly archive for Febreiro 2009.

Esta noite de venres non vai quedar nin o gato na Casa Xurásica. Nós tocamos aí contra as 23.00 en El Ensanche, na Travesía de Santiago de Vigo, en Vigo. A sala incluíu o noso bolo na campaña Música en Vivo de Intermón Oxfam; trátase dun concerto simultáneo en máis de 50 salas de música de todo o Estado, co que esta organización pretende “denunciar que as personas máis pobres do mundo son as que están cargando co peso do cambio climático”. É unha campaña chula.

Por outra parte, os dous mellores grupos do país, Samesugas e Royalties, tocarán despois desta medianoite no pub Gatos, en Melide. Se queredes rocanrol non sei o que facedes que non estades alí xa!

The Homens

Venres 27 de febreiro, 23.00h.
Sala El Ensanche, Vigo. 3 €.

the_homens_tour_09

Puchón /a: instrumentista virtuoso que, lonxe de avergoñarse de selo, fai alarde; habitualmente aburren a cristo, pese á cara que poñen de estalo pasando orgasmicamente ben. É común que sexan tamén viciosos do equipamento musical. Esta grimosa desviación da personalidade dáse proporcionalmente máis nos guitarristas, aínda que ningún instrumento se libra de padecela. Sinónimos: pajillero /a, pajas, masturbatorio, ciscador /a, cómo la juega, vala revirar animal, Malmsteen.

Corto e pego un comentario que fixo o noso amigo Quico Balay no post anterior. Gracias outra vez, líder, e noraboa para ti e para Pepa!!!

“Moi boas, logo de tanto tempo. Boas novas: TVE emitiu unha reportaxe sobre a gravación de On The Rocks. Unha mágoa, porque non puxeron a vosa canción e sintonía do programa, pero pódesevos ver cando enfocan na computadora o podcast. Ahí vai o link: http://www.rtve.es/mediateca/videos/20090218/pepa-the-rocks-camara-abierta/415073.shtml “

Pepa Arán, a fantástica presentadora de 'On the rocks'

Pepa Arán, a fantástica presentadora de 'On the rocks'

Conversa entre Músico #1 (de Ribeira) e Músico #2 (de Burela).

Músico #1:
O outro día agharrei unha chumeira estrema en Cacheiras, na voda de Músico #3. Toda a xente ía disfrazada de ghanster.

Músico #2: De que, de rato?

Músico #1: Non, de rollo anos 20.

Xa podedes ver a través da web da Televisión de Galicia o terceiro capítulo do programa Banda Curta, no que saímos nós tocando Calamar e Hamster, vaia zoolóxico…

Aínda que, para hit mediático, esta entrevista radiofónica que atopamos a través do blog de Fran Nixon. Non se sabe se é mellor a parte 1 ou a parte 2. O que hai que aguantar…

Despois de moitos meses (ano e medio, en realidade), retomamos a nosa sección de gastropop cunha das últimas descubertas que fixemos. Medio prometemos actualizar este asunto con máis frecuencia.

Restaurante A Dorna
Avda. Malecón, 18, Ribeira. Telf. 981870225

Menú para catro homens e un voraz técnico de son:
Primeiros: 4 arroces con berberechos e 1 caldo galego.
Segundos: 3 rapes en salsa e 2 bonitos con salsa de tomate
Auga, pan e café de pota.

Prezo por cabeza: 10 euros.
A Tomás Ageitos chamámoslle Máster por algo. En realidade, por varios algos. Ir tocar por aí con el é moi distinto a facelo sen el: cando está detrás dos mandos técnicos dun concerto, o equipo vibra, o grupo medra e nós estamos máis cómodos, tocamos máis contentos e somos moito mellores que cando nos falta. Ir tocar por aí con el é moi distinto tamén porque Tomás sabe ducias de anécdotas de músicos, técnicos, políticos, informáticos e demais personaxes ribeirenses. Ademais, Tomás toca a batería de vicio (coa Compañía do Ruído, entre outros), argalla con cantos aparatos se lle poñan diante (por exemplo cos Galegoz), grava de marabilla no seu estudio, ten máis paciencia que un santo e, por se fose pouco, sabe levarnos comer como mandan os manuais.
Porque o que lestes máis arriba, querid@s, lésteslo ben. No restaurante A Dorna, no paseo marítimo de Ribeira, cómese un menú (aparentemente só comidas, de luns a sábado, e ceas por encarga) por dez pavos. E o menú non é calquera cousa: non nos deu por probar os fideos con produtos do mar, nin a merluza ou a carne, pero seguro que tamén estaban ben, a xulgar polo arroz con berberechos (moi bo, xusto no seu punto, cousa de mérito para ser plato de menú), o rape (estupendo) e o bonito (excelente, cunha salsa de tomate e pementos que lle quitaba por completo esa secura que a veces ten este peixe).

Gustounos tanto que o día 6 de abril habemos volver a Ribeira, esta vez para tocar na Festa da Chuvia!

The Homens no estudio de Tomás Ageitos

The Homens no estudio de Tomás Ageitos

Esta fin de semana estaremos ata na sopa…

O sábado 14 a TVG emitirá ás 16.00 h. a nosa actuación en Banda Curta, nun programa no que tamén tocarán Catpeople. Pese a que é o terceiro episodio en emitirse, foi o primeiro en gravarse, en decembro pasado, na discoteca LP45, en Ordes. Para a ocasión fixemos catro temas (creo recordar que Hamster, Calamar, Cen días e Mira por ti), aínda que o sábado emitirán dous; por problemas técnicos non vai poder saír a nosa clásica rajada antiSGAE, pero coido que o presentador, o noso admirado Luís Pardo, nos vai cubrir o óco (gracias!).

Despois, pola noite, tocan The Muffs na Nasa, en DC. Algúns volvemos á adolescencia (poido oír como me nacen os granos!)

O domingo 15 tocamos pola tarde nun festival que organiza a plataforma Galiza non se vende, con Dakidarría, Quempallou e os fantásticos, míticos e incomparables Os Da Ría. O tema é ás 17.30, de novo na sala Nasa, ese local que a algúns iluminados lles gustaría ver convertido en basílica. É o que pasa cando se che afloxa o aparello que te mantén baixo control.

Faneguismo bateril ou baterismo faneguil: dise do exceso de paixón e de autocomplacencia que poñen os baterías na súa actuación, o que os fai sacar morritos, bourar nos timbais e poñer cara de ou yeah. Pasa habitualmente en medios tempos de amor desesperado dedicados ao mal que quedou o corazón do cantante cando o abandonou Begoña (léase con acento pijuelas), a súa moza de toda a vida desde os tempos de La Salle. Osea.

Amig@s dos bares, pubs, discotecas e discotascas: aquí tedes unha razón máis para pinchar música con Copyleft.

Juas, juas!

Cobretti (adx., derivado do compositor barroco italiano Mario Cobretti): dise daquelas aportacións líricas, melódicas ou filosóficas subidas de zucre que denotan que o autor sufre os efectos da famosa picadura. Pódese falar de “letras Cobretti”, “melodías Cobretti”, “solos Cobretti” e, finalmente, de “cancións Cobretti”. Normalmente son as mellores.