You are currently browsing the category archive for the ‘Máis cousas’ category.

Antes do concerto do día 23 e do noso paso á clandestinidade temos a intención gravar para o disco de homenaxe aos Resentidos que prepara o amigo Paino unha versión psych de Abdul. Unha oda é emigración, que é o que toca, vamos.

The Homens, ou polo menos o que isto escribe (Wu, aínda que supoño que os outros tamén), estamos consternados, cabreados e tristes polo peche de Galicia Hoxe, o único diario escrito totalmente en galego, que hoxe publica o seu último número. Con todas as eivas que se lle queiran ver, as súas páxinas contiñan unha das seccións de cultura máis interesantes do panorama (se é que por aquí a alguén lle interesa a cultura, que ao mellor ese é o problema), prestábanlle máis atención que case ningunha outra cabeceira aos movementos sociais (se é que por aquí hai algún tipo de sociedade que se mova) e, ademais, dábannos cabida, como en moi poucos outros sitios, aos minúsculos grupos que insistimos na estupidez de facer música en galego. Máis abaixo pego unha pequena e desordenada mostra do noso caso, como última homenaxe.

Con todo, o que máis nos doe, e máis aos que temos a desgraza de dedicarnos ao xornalismo, como é o meu caso, é que 19 persoas queden na rúa dun día para outro. A todas elas, e especial á nosa querida valedora Marga Tojo, un abrazo furioso.

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/melodias-carraxe/idEdicion-2009-12-17/idNoticia-497977/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/unha-banda-culto/idEdicion-2007-10-19/idNoticia-221909/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/na-praia-son-dos-sanyo-balon-nivea/idEdicion-2006-07-23/idNoticia-67631/

 

 

 

 

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/escena-compostela-dalle-benvida-tres-the-homens/idEdicion-2007-11-02/idNoticia-227320/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/roi-fernandez-son-un-incomprendido-total/idEdicion-2007-08-11/idNoticia-197580/

 

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/hai-ritmo-na-web-the-homens-dez-mil-visitas-dia/idEdicion-2007-10-29/idNoticia-225729/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/the-homens-raia-gusta-da-caldeirada/idEdicion-2008-05-04/idNoticia-295892/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/implacabel-disparador-dos-escenarios/idEdicion-2008-07-06/idNoticia-320512/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/compostelans-samesugas-the-homens-actuan-hoxe-barcelona/idEdicion-2009-03-07/idNoticia-403151/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/the-homens-inaugura-power-pop-2-0/idEdicion-2009-07-21/idNoticia-450491/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/musica-culto/idEdicion-2010-03-04/idNoticia-522400/ 

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/roi-fernandez-dificil-escoller-diria-frank-zappa-foi-mais-grande/idEdicion-2009-07-12/idNoticia-447311/

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/l-uomo-di-gomma/idEdicion-2010-11-12/idNoticia-609842/ 

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/adeus-rock-costa/idEdicion-2011-06-04/idNoticia-675759/

 

Atención á afirmación pomposa: a última edición do Rock en Costa vai significar para moitos de nós o final dunha época. O sábado que vén, o festival que levamos organizando desde que empezou o século baixa a persiana. Os encargados de pechar seremos L’Uomo di Gomma, Samesugas, Royalties, uns reunidos Redullos e os The Homens, todos grupos vencellados á Asociación Xurásica, que organiza o evento. Coma sempre, o concerto faise no barrio do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela (desta vez no antigo colexio Ramón Cabanillas), a entrada é de balde e as bebidas son baratas.

Eu (Wu) non estiven nas primeiras edicións do Rock en Costa. Perdín un par delas porque houbo uns anos nos que non vivín en Compostela. Si que participei, en cambio, do ambiente da Casa Xurásica a mediados e finais dos noventa, que foi cando se instituíu esta especie de local de ensaio e salón social para punks que aínda é hoxe. A casa orixinal séguese sostendo, de milagre, na rúa da Chaparra, fronte ao valado da escola de FP. Cando cheguei a Santiago DC para estudar, no 1996, alí ensaiaban xa os Redullos, penso que Por Teléfono, Fame Neghra e Pesadelo en Mouronçom (aos dous últimos grupos uniríame eu meses despois). A nómina dos que fixeron música entre as súas paredes decrépitas, fose de xeito habitual ou episódico, é impresionante para quen coñeza a minúscula historia do rock compostelán: por algunha das tres localizacións que tivo a casa (a primeira na Chaparra, a segunda xunto á vía do tren na rúa do Castiñeiriño e a actual, en Meixonfrío) pasaron Samesugas, Royalties, Fulsomes, Street Fighter, The Homens, Pollegros, Novedades Carminha e tantos outros que agora esquezo.

O festival foi unha evolución natural dos ensaios. Faciamos, e facemos, moito ruído, e sabémolo. Os veciños do Castiñeiriño nunca protestaron. Como premio, en lugar de regalarlles un día sen amplificadores ocorréusenos sacar os altavoces á rúa e facer un ensaio aberto a todo o mundo. Algo diso tiñan os primeiros Rock en Costa, os que se fixeron (de aí o nome) na pendente da rúa da Chaparra, e nos que tocaban os grupos da casa e outros conxuntos amigos. A cousa fíxose así entre o 2000 e o 2005, con algún ano no que se faltou á cita e algún outro no que a festa se tivo que trasladar ao interior pola chuvia. Xa digo que nas primeiras edicións non estiven; quen queira facer puntualizacións será benvido.

Desa época recordo, iso si, o fabuloso ano (sería o 2004) no que os Pollegros, a orquestra do hardcore, tivemos que tocar dúas veces: a primeira cando nos era propio, ao principio do festival; a segunda, ás tantas da mañá, bastante prexudicados, para pechar o concerto e deixar bo sabor de boca ao público despois dun amago de ostias cun grupo madrileño que se propasara co público. Recordo tamén deses anos a Janite tirando bebida á rúa desde o piso de arriba da casa; o reparto de ceras Jovi, cortesía de Leche Pascual, a razón dun paquete de catro por cada cervexa; un chuzas que se colgou do valado de formigón da escola e o partiu, coa conseguinte costalada; as carreiras para conseguir palés cos que elevar os amplis e evitar así que se mollasen coa auga dos aspersores duns chalets que hai máis arriba.

O festival foi medrando ano a ano naquelas edicións seminais. A alguén (probablemente a Soni ou a Xocas, que foron, con Alberte, a alma da organización todos estes anos) se lle ocorreu que estaría ben pedir permiso ao Concello en lugar de ocupar a rúa polas bravas. A alguén se lle ocorreu poñer un picho de cervexa; imaxino a sorpresa do encargado de instalalo, vendo que o tiña que deixar ante a porta dunha casa case arruinada. A alguén se lle ocorreu poñer uns focos, bandeirolas e unha barra rudimentaria, vender rifas, pedir axudas municipais…

Que eu lembre, o 2005 resultou o punto de partida do Rock en Costa tal e como hoxe é. Foi a primeira vez que saíu da empinada rúa da Chaparra para pasar ao campo da festa do Castiñeiriño, agora soterrado debaixo de varios edificios de vivendas. Naquela ocasión o palco fora un pequeno camión de orquestra e contratárase por primeira vez equipo de son. The Homens fixemos alí o noso primeiro concerto, aínda sen as camisetas de raias que despois paseariamos por tantos palcos. Actuaran tamén Pollegros, Samesugas, Post Mortem e Redullos. No vídeo de abaixo podedes ver imaxes dese ano (aínda que poña que foi no 2004, Terri equivócase, foi o do 2005) e da Casa Xurásica orixinal por dentro.

A cousa seguiu medrando. Ao ano seguinte coincidiu coas festas patronais do barrio e significou o inicio dunha tradición que non se rompeu ata a edición especial do 2011: no Rock en Costa sempre tiña que tocar algún grupo portugués. A cita tivo dúas datas no 2006: o xoves celebrouse o festival grande, no campo da festa, con D3Ö, de Coimbra, The Homens, The Lorchas e Bang 74; o sábado houbo un regreso etílico e tolo á rúa da Chaparra, no que actuaron (polo menos) Los Iribarnes, Pollegros e os Redullos, que se despedían da escena. Creo recordar que houbo máis bandas.

No 2007 houbo festa de presentación na sala Nasa, con Los Ruínes, The Homens e o celebrado debut en directo de Projecto Mourente. No festival actuaron os lisboetas Act-Ups, Samesugas, Última SacudidaRoyalties e os Riff Raff ferroláns, impersonators dos AC/DC.

A edición seguinte, a do 2008, foi para min especial, cun campo da festa abarrotado e cinco grupazos, os portugueses Sizo e Bunnyranch, os vascos Paniks, os coruñeses Black Panda e os locais Dr. Gringo. O bolo dos Sizo aínda é hoxe un dos que máis me impresionaron de todos os que vin. Paralelamente, eses foron anos de gran actividade da Asociación Xurásica, que organizou roteiros a pé, torneos de baloncesto e outros concertos durante o resto do ano, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, con grupos composteláns e de fóra.

Confeso que nas últimas dúas edicións perdín un pouco de comba. Axudei na organización a medio gas, e ao concerto nin puiden ir. Son as cousas de envellecer e sobre todo de ter un neno. No 2009, cando o evento se fixo no interior do Centro Sociocultural cos lusos Green Machine e os galegos Novedades Carminha, Minapolaris e uns Royalties trompeteros, só puiden ir ás probas de son; era a primeira vez que saía da casa despois de ser papá.

No 2010 tampouco estiven: tocaron, na pista de básquet do Centro Sociocultural, Born a Lion pola parte portuguesa e Skarmento, Foggy Mental Breakdown e Los Chavales pola galega.

E o sábado acaba todo. Polo menos en principio. Montar un festival leva tempo e custa cartos, agora que non abunda nin unha cousa nin a outra. Foron, con todo, uns anos preciosos de rocanrol, festas extremas, intensas reunións na caseta de madeira da rotonda do Castiñeiriño e quilométricos intercambios de e-mails. O proceloso proceso de confección do cartel é para comentar noutra ocasión. A mellor despedida que lle podiamos dar ao noso festi é xuntarnos os grupos que actualmente ensaiamos na Casa Xurásica, a directiva da Asociación (Xocas, Soni, Alberte, Iria, Peke, Álvaro e todos os demais, sodes moitos e teño pouca memoria) e os esforzados socios para prenderlle lume á noite, recordar todo o que foi e empezar a pensar no que será. O festival pode rematar, pero os punks seguiremos séndoo ata o final.

Vémonos o sábado.

Da man de García MC, que rapeou por encima da nosa Opositora, onte á noite tivemos a nosa primeira aproximación ao hip hop. Esperamos que a xente de BDS Galiza conseguise moitos cartos para apoiar a Flotilla da Liberdade, que vai tentar romper de novo o bloqueo a Gaza.

PixelinPhoto ten imaxes moi chulas do concerto, como esta que lle roubamos do momento hip pop.

L’Uomo di Gomma, esa banda, presentan esta noite novas cancións (en idiomas variados!) no Clube Cachán de Santiago DC ás 22.00 horas. A entrada custa 4€. Hai que ir,  pasalo bomba e facer gasto, por esta orde.

Onte fixemos tres ou catro cancións, con gran profusión de tururús e chip, chip, chips.

Boa fin de semana.


O amigo Xesús Fraga publica hoxe en La Voz de Galicia unha reportaxe na que algúns músicos destas latitudes (entre eles Xurxo Souto, Carlos MourenteWu) se declaran escépticos sobre a posibilidade de que chegue a haber uns Manel galegos. Optimismo a tope!

Iso, que esta fin de semana nos vamos de bolos. Igual non comentamos que temos a intención de editar, publicar, regalar ou o que sexa unha gravación coa reinterpretación acústica que andamos facendo dos nosos temas, antes de que acabe o ano; pois xa queda dito, entón.

Venres 18: A CORUÑA

Obradoiro: Telecentro, Biblioteca Municipal. 18.00h. Concerto: Fórum Metropolitano, 20.00h.

Sábado 19: VIMIANZO

Obradoiro: Telecentro, Centro Social. 18.00h. Concerto: Casa da Cultura, 20.00h.

Domingo 20: SANTA COMBA

Obradoiro: Telecentro, Centro Multiusos. 18.00h. Concerto: Centro Multiusos, 20.00h.

(Por certo, aquí podedes del a entrevista a The Brosas, un grupazo, e aquí escoitarlles dous temas).

 

Diversas actividades relacionadas con The Homens van ternos ocupados mañá xoves, aínda que por separado. Xocas predicará xunto con xente como Xurxo Souto no foro musical Percebe Son, organizado polos alumnos do IES Audiovisual de Vigo. Mentres, Roi e Wu tentarán convencer aos nenos da gardería á que vai o fillo do último deles de que o rocanrol é un atraso e, polo tanto, deben dedicarse a outra cousa; de paso, levaranlles unhas cantas guitarras e trebellos de percusión para que enreden. Cristovo, pola súa parte, quedará no Porriño revisando o Excel, que xa está desbordado.

The Homens, un grupo comprometido coa comunidade.

Véseche a ucha – Toca o pito – Straight edge. Foto de Chou no Auditorio de Ribeira, 5 de febreiro do 2011.

Martin Wu aparece estes días facéndose o interesante nunha entrevista que lle fixo o amigo Antón Papaqueixos (agora nos Tres Trebóns e en Ulträqäns). Pode lerse aquí. Moitas gracias outra vez a Antón e á xente do Diário Liberdade!

Esta fin de semana vai ser de traca: mañá estamos, nós e máis o Projecto Mourente, con Detrás da canción no Centro Social do Ensanche de DC, o sábado vamos a Ribeira, de onde é o máis importante dos Homens, e o domingo tocamos en Negreira. Esperamos vervos!

Venres 4: SANTIAGO DE COMPOSTELA
Obradoiro: Telecentro, Facultade de Xornalismo, 18.00h. Concerto: Centro Cultural do Ensanche, 20.00h.

Sábado 5: RIBEIRA
Obradoiro: Telecentro, Confraría de Pescadores, 18.00h. Concerto: Auditorio Municipal, 20.00h.

Domingo 6: NEGREIRA
Obradoiro: Telecentro, Casa da Cultura, 18.00h. Concerto: Casa da Cultura, 20.00h.

 

Wu e o Tigre, en 2010 nas Crechas, en DC. A foto, creo recordar, é de Ana Couceiro.

Un Homem a outro dos Homens: Oes, se falleces déixasme escribirche un obituario que se titule ‘Un Tocornal del bajo’?

Si, efectivamente, estamos deixando que nos medren as barbas, uns con máis éxito que os outros.