You are currently browsing the monthly archive for Abril 2009.

Chegou a hora de tomar un respiro, aínda que tampouco vai ser un respiro moi grande. Este xoves damos en Vigo (La Fábrica de Chocolate, 22.00 horas, 3€) o último dos concertos da nosa xira de inverno-primavera 2009, que nos levou por unha ducia de escenarios de Galicia, Portugal e Catalunya. Xa afeitos a sermos catro no escenario, na carriña e nos restoráns, houbo nestes meses algúns deses bolos que nunca se esquecen. Agora toca unha pequena pausa.

Aí a mediados de xullo viaxaremos de novo a Sant Feliu de Guíxols para renovar o fondo de armario gravando o segundo disco longo. De momento temos máis ou menos montada unha ducia de temas novos. Algúns como Hamster, Fanny Mae ou Mira como arde xa os podedes escoitar nos nosos directos; outros aínda están cocéndose, e teñen títulos provisionais como Crocanti, Non é o final, é o principio, Rei azul ou Tigre, tigre! Hase ver. Con Santi García de novo aos mandos a cousa ten boa pinta; contamos que estea lista en outono. Agora queda traballar ben o asunto en maio e xuño, e para iso hai que parar un pouquiño. Tampouco vén mal, porque levamos de xira algo así como tres anos. Se non aparece nada antes (e xa estamos incumprindo os termos da tregua, hahaha!), é de supoñer que en verán, despois da gravación, volvamos á carga, máis viejunos, máis morenos e aínda con máis ganas.

Así que, despois do da Fábrica do xoves, poñémonos en standby para esperar nacementos (dos discográficos e dos de verdade). Vémonos en Vigo se vos apetece!

The Homens

Xoves 30 de abril, 22.00h.
La Fábrica de Chocolate, Vigo.

Advertisements

Pois iso, que así funciona a SGAE en catro enlaces, vía Escolar.net.

(E un enlace máis para tomalo con humor, pola mesma vía).

Esta fin de semana andan por aquí (venres na Iguana, Vigo; sábado no Mardi Gras, A Coruña; e domingo en Carballo) os Unfinished Sympathy, aos que conduce AP9 arriba e abaixo o noso amigo Tule. Non os perdades!

Restaurante Inácio
Campo das Hortas, 1. Braga. Teléfono 253 613 235

Menú para catro homens, un técnico de son e un xornalista deportivo:
Primeiro: caldo verde.
Segundos: bacalhau á Inácio para 2 (é dicir, 1 dose); cabrito; tournedos; bife de non recordo ben o que; roxóns.
Postres: 3 tartas de queixo e un toro de abacaxí.
Viño verde da casa branco e tinto, auga, pan e café.

Prezo por cabeza: 20 euros.
O problema máis gordo co que nos atopamos os Homens cada vez que vamos tocar a Portugal é que non temos freo. Cada vez que pisamos Porto, Braga ou a cidade que sexa, desbocámonos, e acabamos con enormes dores estomacais, cerebrais, morais e financeiros. Iso si, acabamos contentos, porque Portugal ten moitas cousas que nos encantan: cidades preciosas, locais impresionantes, grupos de enorme nivel, amigos dos de verdade, un público fantástico e (evidentemente, por iso este texto vai na sección que vai) unha comida de categoría planetaria.

Un truco do que botamos man de vez en cando para saber onde c0nvén ir comer aos sitios é preguntarlle aos pais de Wu. Neste caso recomendan o Inácio, nunha das portas da cidade vella de Braga, un restaurante que, á súa vez, un autóctono lles recomendou a eles cualificando de “muito, muito bom”.

E é. Como a visita se fixo á cea procuramos controlarnos (algún día contaremos a teoría de Tomás Ageitos, que nos coñece mellor que ninguén, sobre a proporción inversa entre a cea que inxerimos e a velocidade á que tocamos despois).  Algún valente mándalle un caldo verde “para asentar o estómago”, e di que está ben bo. Despois vén a materia principal: excelente cabrito (polo visto típico da semana santa portuguesa, segundo nos comenta o amigo Pedro Cadima), un gran bacalhau á Inácio (que nos cociñan fóra da carta, e que vén con cebola cociñada e patacas asadas, espléndido), uns rojoes preparados como é típico no norte (con sangue fritida, un pouco fortes para quen escribe isto, pero gozados polos demais), un tournedos e un bife. Para rematar, tres pedazos de cheesecake que logo fan a tarta enteira e un toro de piña sobre o que facilmente se pode colocar o mastro dunha bandeira. O conxunto, degustado nun restaurante de apariencia típica cun reloxo de cuco que parece marcar con precisión a transición entre prato e prato, é ben bo. A conta, servida en cofre de madeira, aínda é mellor: 20 euros por barba!

En breve, fotos da excursión!

(De acordo, non é que esta sección de gastropop sexa precisamente coma a Guía Michelín, e probablemente valoramos moito a cantidade e o prezo e todas esas cousas que para os gourmets son secundarias, pero, amigos, para o que cobramos por escribila ben vale, non?)

(E, por certo, moitísimas gracias a Inés e a toda a xente do Galiza em trânsito por nos convidar a participar na edición deste ano, á xente que nos foi ver e que participou nas actividades desta intervención cultural galega en Braga e á xente do Insólito Bar, que é fantástica!).

A noticia é terrible; as imaxes conxélanche o sangue.

Para flipar o traballo que nos deixou Óscar N. Aguado nos comentarios dun post anterior: vídeos do concerto da Festa da Chuvia, en Ribeira, prácticamente completo. Moitísimas gracias mil veces!!! //

The Homens – 00 – Previo //The Homens – 01 – Previo // The Homens – 02 // The Homens – 03 //The Homens – 04 // The Homens – 05 // The Homens – 06 // The Homens – 07 // The Homens – 08 // The Homens – 09 // The Homens – 10 // The Homens – 11 // The Homens – 12 // The Homens – 13 // The Homens – 14 // The Homens – 19 // The Homens – 20 //

Estámonos dando ás emocións fortes ultimamente… Descansados (uns máis que outros) despois das vacacións (uns tiveron máis que outros), recuperados das tremendas descargas de adrenalina de Ribeira e Bueu a principios de mes, estamos xa para outra. A fin de semana que vén alugaremos carriña (na oficial só cabemos catro, e desta vez acompáñanos de novo Tomás Ageitos) e partiremos rumbo ao sur, onde nos esperan dous concertos ben chulos:

O Porriño, Bar Liceum, venres 17 ás 23.00 horas. Si, xente, ao lado da casa de Cristovao. Esperemos que a el non lle treman as mans pola responsabilidade (no argot médico-musical a isto chámaselle movida trembling hands) e que aos outros tres non nos dea por cagala e deixalo quedar mal diante da parentela. Estamos seguros de que non vai pasar nin unha cousa nin a outra. Louriña forever.

Braga, Insólito Bar, sábado 18 ás 22.30 horas, horario de Portugal. Hai máis dun ano que non cruzamos o Miño para tocar. En xaneiro do 2008 presentamos con catro bolos o noso Tres, da man dos amigos de Audiência Zero. Agora son os organizadores de Galiza em trânsito os que nos honran convidándonos a participar nesta xornada de intervención artística galega en Portugal. Trámase o regreso do mítico ‘senhor Patrao’…

A nosa xira de inverno e primavera vai pasando coma un foguete. Despois da Festa da Chuvia de Ribeira (probablemente o concerto no que mellor o pasamos en moitísimo tempo, moitas gracias a todo o mundo que pasou por alí!) e de volver a Bueu (o traballo de xente como Leiro no Aturuxo é cada vez máis necesario), toca vexetar na semana santa e pensar na próxima onda de concertos. O próximo, ir á casa de Cristovao e despois a Portugal, O Porriño e Braga os días 17 e 18 deste mes.

Ata entón prometemos contarvos máis da pasada fin de semana, cando teñamos fotos (mandade, por favor!) e, sobre todo, enerxía… Como cansa o rocanrol…