You are currently browsing the monthly archive for Decembro 2008.

O 2008 acaba con polo menos 200 palestinos masacrados nesa cárcere a ceo aberto que é Gaza, e a un xa lle entran ganas de cagarse na puta mai que pareu a alguén. Por exemplo, nesa tropa de dirixentes que temos, que lle piden aos fanáticos de Israel “a máxima contención” nas represalias, ou, o que vén sendo o mesmo, que maten, pero que aos mortos non se lles saian as tripas, por favor, que non son datas.

E non, servidor (Wu) non é antisemita, nin de lonxe. Os iluminados son igual de repugnantes sexa cal sexa o tamaño do seu prepucio.

ENGADIDO: Á hora de escribir isto os mortos andan polos 300 e pico. Mañá, martes 30, ás 20.00 horas hai unha CONCENTRACIÓN EN REPULSA POLA MASACRE DE GAZA na praza do Toural de Santiago D.C,

Aló vai o 2008! O domingo fixemos en DC o que -se nada cambia- foi o noso último concerto do ano, e tamén o último dunha serie de citas raras (Music.gal, a tele, o Implícate) nas que tocamos un par de temas e para a casa. Así, en frío, queda un como a medias, aínda que a verdade é que en calquera dos tres lugares estivemos ben contentos e ben alimentados…

Aparentemente, imos pasar un mes cocendo cancións novas e amañando as que xa temos, preparando o que vai ser o gran momento (ben, en realidade un dos grandes momentos, hehehe) do 2009: volver en agosto a Sant Feliu, onda o Santi, para gravar o segundo disco longo. Polo momento xa tocamos por aí algún adianto (‘Hamster’, por exemplo), pero queda moito que pedalear (e moito que aforrar) ata o verán.

Volvemos á carga nun mes; o próximo bolo que temos fichado é o do día 6 de febreiro en Melide, no 600, aínda que é posible que haxa algunha cousa en xaneiro. Xa vos contaremos.

Problemas técnicos á marxe (solventados polo noso gardacostas particular, Tomás Axeitos, gracias, perdón, gracias, perdón, e todo iso sucesivamente), o do Cultur.gal estivo moi ben: un auditorio precioso, uns compañeiros de escea espectaculares (iso si, ningún tanto coma os tres compoñentes do show de Projecto Mourente!), unha produción tremenda e uns pinchos de campionato.

Agora, antes de rematar o ano, temos outras dúas citas co palco: a primeira o xoves 11, na gravación dun programa para a tele (non sei se estamos contando algo que non debemos…); a segunda, o domingo 14, no Teatro Principal, na noite solidada de Implicadas/os no desenvolvemento. O asunto empeza ás 20.30, e hai teatro (Celso Parada e Patricia Vázquez), danza (María Reimóndez e Disque Danza), poesía (Marga do Val, María do Cebreiro, Xabier Cordal, Celso Fernández Sanmartín) e música (Xabier Díaz, Chocolate Sexy Soul e servidores), coa presentación de Luis Tosar e Yolanda Castaño.

Por alí andaremos.

cartel_implicate_peq

(Por certo, un descubrimento, vía Zimmer 103: os superinquietantes EPs de Emilio José, ex integrante de Apeiron, en descarga libre no seu myspace).

Vindo de Alemaña, nada máis pasar a fronteira con Francia (creo recordar que foi xusto antes de Mulhouse), paramos nunha gasolineira e ocorréusenos comprar un bote deses de pseudopatacas fritidas, unhas pringuels. Nada máis pagalas, un camioneiro díxonos que fixésemos o que nos dese a gana, pero que el ía habitualmente á fábrica de Procter&Gamble, e que se entraba por un lado cargaba pringuels, e se entraba polo outro, cargaba deterxente. (Fin do cadriño)

Onte morreu Mikel Laboa. A min (Wu) gustábame moito; Baga biga higa é un dos temas máis terribles que existen… e é unha canción infantil!

O sábado estamos na Coruña, no Music.Gal, con Dios ke te Crew, Marful, O Sonoro Maxín, Projecto Mourente, The Homens, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Proxecto Zocas, Pancho Lapeña (Pánchez), Federico Martínez, Chévere e Belén Regueira.

6 decembro 2008 (sab): Palexco, Coruña. Music.gal – Cultur.gal 21.30h.
14 decembro 2008 (dom): Teatro Principal, Santiago DC. Implícate, a noite solidaria. 20.30h.
6 febreiro 2009 (ven): Sala 600, Melide. 00:30h.
27 febreiro 2009 (ven): El Ensanche, Vigo. 23:00h.
7 marzo 2009 (sab): La2, Barcelona. Con Samesugas. 22.00h.
21 marzo 2009 (sab): Babel, Lugo. 23:30h.
5 abril 2009 (dom): Aturuxo, Bueu. 21.30h.
17 abril 2009 (ven): Liceum, Porriño. 23.00h.
30 Abril 2009 (xoves): Fábrica de Chocolate, Vigo, 22.00h.