You are currently browsing the monthly archive for Maio 2011.

Mañá pechamos a nosa época acústica cun concerto no Ultramarinos, en Santiago DC. Pasádevos por alí, que, visto o visto, a saber o que vai pasar dentro dun mes con esta cidade!

THE HOMENS – versión case acústica

Martes, 24 de Maio – 22:30 – 5€
Pub Ultramarinos
Casas Reais, 34
Santiago De Compostela

(Nota de prensa, a cañón)

O grupo compostelán actúa no pub Ultramarinos ás 22.30 horas, con entrada a 5 euros

Interpretarán por última vez o repertorio acústico co que fixeron 50 concertos por toda Galicia nos últimos nove meses

O grupo compostelán The Homens pechará o próximo martes 24, no pub Ultramarinos de Santiago de Compostela, a ampla xira acústica na que estiveron inmersos os últimos nove meses. Este concerto, que marca un cambio de ciclo para o conxunto, terá lugar ás 22.30 horas. A entrada custa 5 euros.

The Homens pasaron os últimos nove meses xirando por medio cento de localidades galegas, cun repertorio no que as súas cancións de pop potente e rabioso se transformaban en versión acústica, con maior peso das percusións e das melodías de voz. O concerto do Ultramarinos, o martes, será a última ocasión de velos neste formato.

The Homens levan xa seis anos tentando cadrar a ecuación que mestura melodía, enerxía e actitude. Apegados á nova onda de finais dos setenta, o post hardcore dos oitenta e o pop británico de calquera década, Xocas (batería), Roi (baixo e voz), Martin Wu (guitarra e voz) e Cristovo (teclas, pandeiretas e demáis enxeñería eléctrica) levan case 200 concertos, dous Eps autoeditados (#1, do 2005, e #2, no 2006) e outros dos LPs (Tres, editado por Falcatruada no 2007, e Cuarta potencia, posto á venda por Lixo Urbano no 2009).

THE HOMENS – versión case acústica

Martes, 24 de Maio – 22:30 – 5€
Pub Ultramarinos
Casas Reais, 34
Santiago De Compostela

Máis información: 686 976 139 * www.thehomens.com * facebook.com/thehomens  *ultramarinos.org

Alá vai Detrás da canción. Foron medio cento de bolos por toda Galicia, centos de quilómetros e sensacións encontradas, porque o público non sempre respondeu en número (aínda que sempre o fixo en entusiasmo, gracias!), pero como grupo resultou toda unha experiencia. Demostrámonos a nós mesmos que somos quen de tocar en teatros, camións, refectorios de convento, castelos, sótanos de igrexa, salóns de plenos, aulas de informática e corredores de colexios; demostrámonos que somos capaces de pasar 50 días xuntos sen discutir nin unha soa vez e renovando os chistes a ritmo suficiente como para non gastalos; demostrámonos que somos capaces de suplir as baixas por enfermidade ou outras circunstancias con certa imaxinación e zafando; demostrámonos que The Homens, que empezamos sendo tres, agora somos como mínimo cinco, porque a Tomás Ageitos temos que contalo entre os nosos imprescindibles.

En oito meses naceunos un retoño (Roi, o primeiro pequeno de Tomás), e tamén morreu xente querida; voamos de Monterroso a Varsovia e de aí a Chantada no medio da nevarada universal; comemos varios quilos de donuts e chupamos uns cantos litros de licor café; cascamos un subbufer, unha funda de guitarra e uns pés de altavoz, e vimos como o resto do material padecía a fatiga dos materiais; fixemos plans de futuro autoxestionado; e caeu un dos últimos mitos de Occidente: LeRoi sacou o carné, o que fixo que mozos e mozas de todo o Estado declarasen ‘se el pode quitar o permiso, nós podemos cambiar o mundo’, botándose ás rúas en protesta sen par.

Novo disco en proxecto
Tamén (porque diso se trataba o experimento) refixemos as nosas cancións de sempre en formato jipi semiacústico. A nosa intención é agora rexistrar os temas tal e como os viñamos tocando en Detrás da canción, botando man de amigos que nos axuden a guapealos, para editar un disquiño co resultado contra o outono.

Polo que respecta a quen isto suscribe (Wu), en todas estas semanas redescubrín que, aínda nas circunstancias máis difíciles, aínda sen voz, sen gana e sen xente que che aplauda, tocar con estoutros tres fulanos é sempre un pracer, unha risa e unha catarse.

Gracias!
Os The Homens (Cristovo, Tomás, Xocas, LeRoi e Wu) queremos agradecerlles estes días a Chou, técnico de son de paciencia infinita e recursos insospeitados, a Lola e a Merce, que nos produciron o evento con gran efectividade, e a Marcos Paino, que impartiu algúns dos cursos e contou anécdotas incribles. E, sobre todo, queremos facerlle un monumento nunha rotonda do Castiñeiriño a Carlos Valcárcel, Projecto Mourente, encargados dos obradoiros de Detrás da canción, polo seu optimismo conxénito e contaxioso, por todo o que sabe e o que quere saber, por todo o que nos aguanta, por todo o talento que ten e pola súa capacidade para dicir que o mundo se acaba, amigos, pero vai ser para ben. Gracias, bróder.

O martes 24, no Ultramarinos de DC
O martes que vén, día 24, enterramos o formato acústico cun concerto no Ultramarinos, en Santiago DC. Tentaremos tamén presentar algunha das cancións novas que fomos escribindo nestes meses. Vide, botámosvos de menos.

Cea de despedida de Detrás da canción. De esquerda a dereita, Cristovo, Tomás, Paino, Wu, LeRoi e Xocas. Sostendo a cámara estaba Carlos Mourente; na casa, Chou.

Despois de 50 concerto, hoxe remata Detrás da canción. Foi duro. Nada máis acabemos, iremos emborracharnos.

Luns 16: A ESTRADA
Obradoiro: Aula Estrada-Centro Multiusos, 18.00h. Concerto: Teatro Principal, 20.00h.

Oito meses e 46 concertos despois, esta fin de semana iniciamos a fin de xira de Detrás da canción. Supoño que non actuaremos moitas máis veces con este formato case acústico, así que quen queira velo pode acudir ás seguintes citas:

Venres 13: A FONSAGRADA
Obradoiro: Telecentro, Casa da Cultura. 18.00h. Concerto: Casa da Cultura, 20.00h.

Sábado 14: CATOIRA
Obradoiro: Telecentro-Biblioteca Pública Municipal, 18.00h. Concerto: Salón de Actos, avenida Muíños do Vento, 5, 20.00h.

Domingo 15: VEDRA
Obradoiro: Telecentro-Aula Vedra, 18.00h. Concerto: Centro Social Cultural O Burgo, 20.00h.

Luns 16: A ESTRADA
Obradoiro: Aula Estrada-Centro Multiusos, 18.00h. Concerto: Teatro Principal, 20.00h.

A xira de Detrás da canción parecíanos inacabable e mira, xa remata a fin de semana que vén. Xa empezamos a sentirnos… orfos?

Venres 13: A FONSAGRADA
Obradoiro: Telecentro, Casa da Cultura. 18.00h. Concerto: Casa da Cultura, 20.00h.

Sábado 14: CATOIRA
Obradoiro: Telecentro-Biblioteca Pública Municipal, 18.00h. Concerto: Salón de Actos, avenida Muíños do Vento, 5, 20.00h.

Domingo 15: VEDRA
Obradoiro: Telecentro-Aula Vedra, 18.00h. Concerto: Centro Social Cultural O Burgo, 20.00h.

Luns 16: A ESTRADA
Obradoiro: Aula Estrada-Centro Multiusos, 18.00h. Concerto: Teatro Principal, 20.00h.

Na imaxe, o primeiro concerto de Detrás da canción, en Monforte, o 11 de outubro do ano pasado. Eramos tan noviños…

Da man de García MC, que rapeou por encima da nosa Opositora, onte á noite tivemos a nosa primeira aproximación ao hip hop. Esperamos que a xente de BDS Galiza conseguise moitos cartos para apoiar a Flotilla da Liberdade, que vai tentar romper de novo o bloqueo a Gaza.

PixelinPhoto ten imaxes moi chulas do concerto, como esta que lle roubamos do momento hip pop.

Mañá mércores participaremos no Concerto Solidario coa segunda Flotilla da Libertade, que pretende romper o bloqueo que sobre Gaza exerce Israel, estado pioneiro nesas execucións internacionais extraxudiciais que agora todo o mundo aplaude (por moi malvado que sexa o jicho en cuestión, hai portas que non sei se convén abrir, non?). O concerto organízao BDS-Galiza , e nel estarán García MC, Quempallou e Carlos Blanco. É ás 21.00 horas na sala Nasa de Santiago DC, e a entrada custa 5 euros.

Tedes máis información aquí:
www.rumboagaza.org
bds-galiza.org