Alá vai Detrás da canción. Foron medio cento de bolos por toda Galicia, centos de quilómetros e sensacións encontradas, porque o público non sempre respondeu en número (aínda que sempre o fixo en entusiasmo, gracias!), pero como grupo resultou toda unha experiencia. Demostrámonos a nós mesmos que somos quen de tocar en teatros, camións, refectorios de convento, castelos, sótanos de igrexa, salóns de plenos, aulas de informática e corredores de colexios; demostrámonos que somos capaces de pasar 50 días xuntos sen discutir nin unha soa vez e renovando os chistes a ritmo suficiente como para non gastalos; demostrámonos que somos capaces de suplir as baixas por enfermidade ou outras circunstancias con certa imaxinación e zafando; demostrámonos que The Homens, que empezamos sendo tres, agora somos como mínimo cinco, porque a Tomás Ageitos temos que contalo entre os nosos imprescindibles.

En oito meses naceunos un retoño (Roi, o primeiro pequeno de Tomás), e tamén morreu xente querida; voamos de Monterroso a Varsovia e de aí a Chantada no medio da nevarada universal; comemos varios quilos de donuts e chupamos uns cantos litros de licor café; cascamos un subbufer, unha funda de guitarra e uns pés de altavoz, e vimos como o resto do material padecía a fatiga dos materiais; fixemos plans de futuro autoxestionado; e caeu un dos últimos mitos de Occidente: LeRoi sacou o carné, o que fixo que mozos e mozas de todo o Estado declarasen ‘se el pode quitar o permiso, nós podemos cambiar o mundo’, botándose ás rúas en protesta sen par.

Novo disco en proxecto
Tamén (porque diso se trataba o experimento) refixemos as nosas cancións de sempre en formato jipi semiacústico. A nosa intención é agora rexistrar os temas tal e como os viñamos tocando en Detrás da canción, botando man de amigos que nos axuden a guapealos, para editar un disquiño co resultado contra o outono.

Polo que respecta a quen isto suscribe (Wu), en todas estas semanas redescubrín que, aínda nas circunstancias máis difíciles, aínda sen voz, sen gana e sen xente que che aplauda, tocar con estoutros tres fulanos é sempre un pracer, unha risa e unha catarse.

Gracias!
Os The Homens (Cristovo, Tomás, Xocas, LeRoi e Wu) queremos agradecerlles estes días a Chou, técnico de son de paciencia infinita e recursos insospeitados, a Lola e a Merce, que nos produciron o evento con gran efectividade, e a Marcos Paino, que impartiu algúns dos cursos e contou anécdotas incribles. E, sobre todo, queremos facerlle un monumento nunha rotonda do Castiñeiriño a Carlos Valcárcel, Projecto Mourente, encargados dos obradoiros de Detrás da canción, polo seu optimismo conxénito e contaxioso, por todo o que sabe e o que quere saber, por todo o que nos aguanta, por todo o talento que ten e pola súa capacidade para dicir que o mundo se acaba, amigos, pero vai ser para ben. Gracias, bróder.

O martes 24, no Ultramarinos de DC
O martes que vén, día 24, enterramos o formato acústico cun concerto no Ultramarinos, en Santiago DC. Tentaremos tamén presentar algunha das cancións novas que fomos escribindo nestes meses. Vide, botámosvos de menos.

Cea de despedida de Detrás da canción. De esquerda a dereita, Cristovo, Tomás, Paino, Wu, LeRoi e Xocas. Sostendo a cámara estaba Carlos Mourente; na casa, Chou.

Advertisements