You are currently browsing the category archive for the ‘Behind-the-scenes’ category.

Barcelona, pola mañá. Tres homens viaxan nun vagón de tren, dous deles cunha resaca notable:

– 1º homem a 2º homem: Dende logo, mira que eres liante…

– 2º homem a 1º homem: Non, se terei eu a culpa, vamos

– 1º homem a 2º homem: Claramente

– 2º homem a 1º homem: Pfff

– 1º homem a 2º homem: Eres un falso

– 2º homem a 1º homem: Tu si que eres falso

– 3º homem: Buddy movie

L’Uomo di Gomma, esa banda, presentan esta noite novas cancións (en idiomas variados!) no Clube Cachán de Santiago DC ás 22.00 horas. A entrada custa 4€. Hai que ir,  pasalo bomba e facer gasto, por esta orde.

Onte fixemos tres ou catro cancións, con gran profusión de tururús e chip, chip, chips.

Boa fin de semana.


Homem (letrista habitual): Para este disco prometo rimas en asonante; esta é unha excepción, para arrancar.

Outro homem (barbudo e escéptico, lendo a letra en cuestión, outra máis con versos rematados en ‘ar’ e ‘er’): Como che gusta rimar.

Hoxe recuperamos o bo hábito que teñen algúns grupos de ensaiar. E con cancións novas e ata optimistas!

Esta foi unha fin de semana fantástica de concertos, amigos, decisións trascendentais, reflexións colectivas e churrascadas extremas (prégase a quen as teña que engada fotos). Estamos encarando o tramo final da xira Detrás da canción, e escribindo por fin cancións novas (co Patrón ao tamboril, Cristovo en modo cyborg, LeRoi convertido en maestro do chifre e Wu atrapado pola maxia do flanger, ai mi má); o que queda do noso espectáculo semiacústico podédelo seguir na web de Detrás da canción, ou no Facebook do grupo.

Como aquelarre no que queimaremos as guitarras acústicas e as greñas jipis que nos medraron nestes longos meses de furgoneta vamos tocar o día 24 de maio, martes, no pub Ultramarinos de Santiago DC; absterse concelleiros electos.

Ilustramos este post cun vídeo fantástico que nos gravou Laura Gracía Andrade o sábado en Carballo, onde se nos ve lidiar a Roi e a Wu cunha avaría técnica. Menos mal que o máster Tomás Ageitos aparece despois, á dereita da imaxe, para reconducir o bochorno…

Xa sabía eu que tiña que haber unha razón poderosa para que non fosemos case nunca ao local… Onte, mentres LeRoi e máis un servidor (Wu) se esforzaban por meter máis de dezasete acordes distintos na mesma canción, o Twin Reverb ao que estaba conectada a guitarra acústica empezou a queixarse, desde moi fondo, con melancolía insondable, cun son estarrecedor entre vento da estepa, muecín enfebrecido e gaita de xoguete ‘Recuerdo de Santiago’. Aínda conservamos o medo nos ósos…

Esta fin de semana vai ser movida: pasaremos por todos estes sitios con Detrás da canción!

Venres 11: VILAGARCÍA DE AROUSA
Obradoiro: Telecentro, Obradoiro Municipal de Emprego, 18.00h. Concerto: Praza Peixería, 20.00h.

Sábado 12: BOIRO
Obradoiro: Telecentro, Centro Sociocultural, 18.00h. Concerto: Salón de Actos, Centro Sociocultural, 20.00h.

Domingo 13: MUROS
Obradoiro: Telecentro, Casa da Cultura, 18.00h. Concerto: Casa da Cultura, 20.00h.

Se nada se torce (cousa que habitualmente nos pasa), hoxe iremos probar material novo por primeira vez en meses. Para celebralo, queda inaugurada unha nova categoría deste blog na que iremos contando as posibles novidades das presuntas cancións que probablemente conformen o noso hipotético próximo disco, se é que o hai. Que iso esperamos…

Menos mal que temos fotos do local, porque senón non nos acordariamos de como é…