Esta foi unha fin de semana fantástica de concertos, amigos, decisións trascendentais, reflexións colectivas e churrascadas extremas (prégase a quen as teña que engada fotos). Estamos encarando o tramo final da xira Detrás da canción, e escribindo por fin cancións novas (co Patrón ao tamboril, Cristovo en modo cyborg, LeRoi convertido en maestro do chifre e Wu atrapado pola maxia do flanger, ai mi má); o que queda do noso espectáculo semiacústico podédelo seguir na web de Detrás da canción, ou no Facebook do grupo.

Como aquelarre no que queimaremos as guitarras acústicas e as greñas jipis que nos medraron nestes longos meses de furgoneta vamos tocar o día 24 de maio, martes, no pub Ultramarinos de Santiago DC; absterse concelleiros electos.

Ilustramos este post cun vídeo fantástico que nos gravou Laura Gracía Andrade o sábado en Carballo, onde se nos ve lidiar a Roi e a Wu cunha avaría técnica. Menos mal que o máster Tomás Ageitos aparece despois, á dereita da imaxe, para reconducir o bochorno…