You are currently browsing the category archive for the ‘Están vivos’ category.

Dous homens ante a fotografía dun concerto de hai 12 anos:

Homem 1: Madia leva, eu con pantalóns de campana.

Homem 2: O mesmo dirás cando vexas fotos do pucho ese co que andas agora.

Os The Homens volvemos ás salas, o territorio que nos é máis querido. Este sábado estaremos celebrando o aniversario da Krazzy Kray, en Cambados (23.55). Despois poñerán discos as djs Las Hijas de ZP.

Nunca tocamos en Cambados, así que a ilusión é dobre.

Mil gracias a tod@s @s que vos achegastes o sábado ao Grelo Folc 2019 en Monfero. Gracias a Antón e Ana Das Restrebas polo convite, o caldo e a simpatía; grazas á Xangai por seren tan grandes e, sobre todo, á sección de ventos, que se prestou a un atraco a guitarra armada e nos acompañou nos últimos temas do concerto.

Seguiremos informando.

Fotos de Cres Tinita e LuZia E SuSiño

Ante a avalancha de peticións de entrevistas que derivou do anuncio de que volvemos aos escenarios (entre cero e ningunha), vémonos na obriga de escribir estas 5Ws para aclarar certas cousas a amig@s e familiares.

Que?
The Homens estamos de volta. Non sabemos onde nos vai levar isto. Non sabemos o que vai durar, canto nos van cundir o fol e as ganas, nin se quedaremos a medio camiño. A idea é volvermos á ruta e irmos incorporando pouco a pouco cancións novas, e xa temos unhas cantas. Como hai dez anos, cando xuntemos carto para gravalas, gravarémolas. Sen présa, sen presión. A vantaxe de que a un lle faigan pouco caso é que pode facer o que lle pete. E nesas andamos.

Cando?
O primeiro acto é o próximo sábado 19 no Grelo Folc, frente ao mosteiro de Monfero. Hai acción durante todo o día e os concertos (Os Feroces da Galgueira, servidores e a incrible Banda Xangai) comezan ás 21.00. Despois xa se verá.

Como?
En formación tridente, a toda mecha e vestindo, mentres nos entre, a gloriosa elástica bianconera. É unha pena non podermos contar de momento con Cristovo, ao que tanto queremos e que esperamos que algún día se poida reenganchar. Saímos a xogar en formación de tres; así tocan a máis os chuchos.

Onde?
O espazo ten importancia na decisión de regresar. É dicir, o feito de que por primeira vez en case dez anos os tres Homens dos primeiros tempos estamos vivindo no mesmo lugar, Santiago D.C. Sabiamos que isto ía pasar, que en canto nos vísemos os jetos e houbese de novo a posibilidade, ía empezar a picarnos a rabia do rocanrol. Así foi.

Por que?
Por que non? Por pasta: como da primeira ocasión non conseguimos arruinarnos, vamos ver de intentalo unha vez máis. Por aclamación popular non, aínda que durante estes anos de clandestinidade sempre agradecemos as vosas palabras de alento. Por exhibicionismo… en fin, é de imaxinar que algo diso haberá, pero non nos parece que o teito de cristal do rock en galego estea hoxe moito máis alto que hai dez anos. Así que sabemos que, coma sempre, imos tocar para pouc@s. Pero para @s mellores. Por que, entón? Porque si.