Este inverno vai ser diferente para nós. Despois de cinco anos xirando sen parar en formato eléctrico hipervitaminado, estamos dándolles unha volta ás cancións para presentalas cun son máis ou menos acústico dentro da actividade Detrás da canción, que empeza para a semana. Nela andamos embarcados nós e o noso querido irmán Carlos Valcárcel, Projecto Mourente, e vainos levar a cincuenta localidades galegas de aquí ao mes de maio.

Detrás da canción é unha actividade destinada a mozos e mozas a partir dos 12 anos. Por unha parte, pretende demostrar que compoñer cancións e gravalas é algo doado e que calquera pode facer cunha mínima calidade; e, pola outra, mostrar como o galego é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical. Consiste nun curso de música caseira, dirixido por Carlos, que explica en dúas sesións de 50 minutos como compoñer, gravar e colgar unha canción en internet con ferramentas moi básicas; e, posteriormente, nun concerto acústico no que nós tentaremos revirar as nosas cancións e non pasar moita vergoña (é fodido tocar sen un monte de vatios petándoche nas cachas!). Para levalo a cabo contamos co apoio económico da Xunta e co asesoramento técnico e a paciencia de Tomás Ageitos, que nos vai poñer a andar.

Para a semana estamos o luns 11 en Monforte (Telecentro), o martes 12 en Castro Caldelas (Telecentro), o venres 15 en Sigüeiro (Telecentro), o sábado 16 en Arzúa (Edificio Sociocultural) e o domingo 17 en Melide (Edificio Multiusos). Os obradoiros son ás 18 horas e os concertos ás 20.

Tedes máis información e a posibilidade de inscribirvos na web de Detrás da canción.

Alá vamos!