You are currently browsing the category archive for the ‘Cuarta potencia’ category.

Charlie Faber pinchou onte o noso Rei azul no seu programa, Sateli3. Podedes escoitar o programa aquí; nós estamos contra o final.

O programa El sótano, de Radio 3, pinchou onte cancións de varios grupos xurásicos e da escudería Lixo Urbano, entre eles o noso ‘Perfecto’. Podedes escoitar o programa aquí.

Por certo, aínda á espera de que colguen o disco en Spotify, Cuarta potencia pode oírse xa en Deezer.

Iso, que con gallumbos ou sen eles, mañá venres estaremos en Vigo presentando Cuarta potencia. Vídevos que van ser unhas risas.

The Homens
VEN 22 XAN, 00.00 h. 5€
La Iguana Club, Vigo

Óscar Iglesias sácanos hoxe moi guapos e moi ben acompañados no suplemento Luces de El País. O texto pode lerse aquí.

A preciosa foto de abaixo fíxonola o Regueifeiro o día 17 de decembro na sala Nasa, e sérvenos para pedirvos un favor: se tedes máis imaxes dese día ou do seguinte, no Le Club da Coruña, faríades o favor de enviárnolas a thehomens@gmail.com ? Andamos escasos…

…que podedes descargar Cuarta potencia desde a nosa web? E que o podedes escoitar tamén no noso myspace? E que o podedes comprar nas vosas tendas habituais, ou pedilo en sitios coma este, este, ou incluso coma este? Ou que o podedes encargar directamente a Lixo Urbano escribíndolles a lixourbanodiscos@gmail.com mentres se prepara a súa tenda online?

Ai si? Disculpade entón.

Xa se pode descargar a Cuarta potencia desde a nosa web, pese a que esta aínda está en obras.

Oxalá que vos preste!

Feliz 2010! Esperamos que a resaca vos dure menos do que nos durou a algún de nós, e que o ano novo vos deixase a casa algo máis limpa despois do cotillón.

Os The Homens vamos empezar o ano de concertos o próximo día 22 de xaneiro tocando en Vigo, nese templo que é a Iguana Club. É curioso, pero non vamos alí desde hai catro anos, desde febreiro do 2006. Tocamos daquela con Mallory Knox, e era o noso noveno concerto! Despois, en marzo, vamos ter a enorme felicidade de acompañar aos nosos all time favourites Nueva Vulcano en parte dos bolos que van facer por Galicia. Tocaremos con eles o xoves 4 de marzo en Santiago DC, na sala Moon, e o venres 5 de marzo na Coruña, no sala Mardi Gras. Os Nueva estarán o sábado 6 na Iguana, xa sen nós, que era moito iguanear xunto. Non sabedes as ganas que temos!

En achegándose as datas irémosvos informando de horarios, entradas, etcétera, que de momento servidor (Wu) non sabe moito máis.

Ah! Para os que sigades desesperando, coma min, vendo que a Cuarta Potencia segue sen estar pendurada na nosa web, queremos dicirvos que en breve o conseguiremos. Estou afiando a aguillada para meterlle aos webmasters… Insisto, podedes escoitar o disco no noso myspace e buscalo pola Rede piratescamente. Perdón!

Aínda fixemos ben cousas neste 2009 que remata… Demos algúns dos concertos que máis recordaremos;  escribimos, gravamos e editamos un disco; fomos dúas veces a Sant Feliu de Guíxols; montamos unha pulpada no mellor chalet da Costa Brava, e só a demos por rematada cando os munipas nos botaron por tocar demasiado alto; coñecimos algúns restaurantes interesantes, aínda que a crise nos fixo reducir o presuposto; aumentamos a nosa flota de pedais e gadgets en proporción xeométrica; enterramos definitivamente as camisetas de raias; fundimos varios amplis e partimos varios pratos; viaxamos con xente coma Ber, Tomás, os Samesugas, os Novedades Carminha e outros moitos; algúns vivimos cambios vitais fundamentais; ningún deixou medrar melenas.

A ver o que pasa no 2010 e se sentimos algo novo. Abrigádevos en noitevella, que sempre me saídes da casa coma se fose agosto!

Gracias a todas e a todos os que viñestes saudar o nacemento da Cuarta potencia, tanto en Santiago DC como na Coruña, gracias a Lixo Urbano por editarnos tan guapamente o disco, gracias mil aos Novedades Carminha, que son máis grandes que a vida mesma, e gracias a millóns a Carlos Mourente, Tomás Ageitos, Soni Royalties e Joaquín Samesugas por acompañarnos no escenario e nos controis técnicos o outro día. A Ramón, o batería dos Samesugas, non lle damos as gracias: propoñémolo para que lle dean o seu nome a unha rúa en Vite.

Porque, aínda que pareza mentira, hai unha semana o noso batería, Xocas, andaba cunha man en cabestrillo despois de pegarse un gomo na moto en plan adolescente, e, ata o último momento, non soubemos se podería chegar ás dúas presentacións. Fíxoo, si, pero entretanto Ramón aprendeuse TODO o repertorio en tres días, disposto a botarnos unha man se nos fixese falta. Eres o máis grande, man.

En breve poremos aquí ou no facebook fotos dos concertos. Se tedes, enviádenos, que fixemos moi poucas!

Por outra parte, querémosvos dicir que, coma o resto dos nosos traballos, Cuarta potencia vai poder descargarse de balde desde a nosa web. Se neste momento non se pode é porque os webmasters están reformando a páxina. É de esperar que no que queda de semana todos poidades descargar o disco (salvo un par de cancións, por aquilo de fomentar a compra), e que os que compredes o vinilo vos poidades facer coa totalidade do disco en mp3. Tamén é de esperar que en pouco tempo as cancións estean no Spotify. Mentres, tedes dúas opcións: escoitar Cuarta potencia no noso myspace ou proceder coma bos piratas e buscalo pola rede adiante, que non é tan difícil…

Chegou o día. Dino aquí, aquí e incluso aquí. E non sabedes o que nos tarda que chegue tamén a hora. vémonos, ou?

The Homens+Novedades Carminha


XOV 17 DEC, 21.00 h. 10€
Sala Nasa, Santiago DC

VEN 18 DEC, 22.30. 10 €
Le Club Directo, A Coruña