Repasando no noso blog (si, aínda temos diso, aínda que sexa tan antigo coma pintar bisontes nas paredes) as entradas correspondentes ao 2010 que remata parece mentira que nos pasasen tantas cousas. Desde logo, nós non o esperabamos. Nos últimos doce meses tivemos de todo, a saber:

– Un cambio de local de ensaio, despois de que o anterior o levase por diante o progreso (o AVE, non o de Lugo).

– Un monte de concertos de presentación da Cuarta potencia.

– Varias visitas ilustres (coma esta dos Nueva Vulcano ou estoutra dos Vistalegre), coas súas festas correspondentes.

– Algunhas críticas que nos fixeron sentir moi orgullosos e outras que nos fixeron rir, entrevistas que nos fixeron sentir gratitude, programas de televisión nos que se acordaron de nós (coma este), e mesmo un libro no que saímos (disque tamén nos citan nun libro de texto de Primaria…)

Aniversarios que pasaron desapercibidos, homenaxes nos que participaríamos mil veces e o noso quinto cumpreanos, que celebramos con versións e unha gomaza histórica.

Debuts acojonantes como L’Uomo di Gomma, o supergrupo xurásico no que toca o baixo Roi.

– Un karaoke no que aparece o noso ‘Calamar’ e un recopilatorio de rock compostelán, Come on Pelegrín, no que sae o ‘Tigre, tigre!

– O Rock en Costa, por suposto!

– O inicio de Detrás da canción, un proxecto en acústico que nos levará por cincuenta localidades galegas de aquí a maio (levamos vinte, máis ou menos), e que nos está abrindo un camiño de guitarras acústicas, trebellos simpáticos e electrónica doméstica que non dubidedes que aproveitaremos para as cancións que veñan no futuro, se é que veñen (as cancións e o futuro).

– E, de postre, un concerto en Varsovia con nevada histórica incluída, unha desas cousas que se recordan toda a vida.

Moitas gracias a todos e a todas os que nos viñestes ver, ou nos levastes tocar, ou nos visitastes, ou nos apreciastes aínda que fose un pouquiño neste 2010. Que teñades un 2011 menos apocalíptico do que se anuncia por aí. E recordade: queredes a goma, pero a goma págase.