Achégase a primeira tirada de Detrás da canción, o proxecto que nos levará por 50 localidades galegas, a nós e ao Projecto Mourente, de aquí ao mes de maio. Para a semana estamos o luns 11 en Monforte (obradoiro e concerto no Edificio Multiusos), o martes 12 en Castro Caldelas (obradoiro e concerto no Telecentro do Castelo), o venres 15 en Sigüeiro (obradoiro no Telecentro de Sigüeiro e concerto no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa), o sábado 16 en Arzúa (o obradoiro no Edificio Sociocultural e o concerto no Recinto Feiral) e o domingo 17 en Melide (obradoiro e concerto no Edificio Multiusos). Os obradoiros son ás 18 horas e os concertos ás 20.

Tedes máis información e a posibilidade de inscribirvos na web de Detrás da canción.

Detrás da canción unha actividade destinada a mozos e mozas a partir dos 12 anos. Por unha parte, pretende demostrar que compoñer cancións e gravalas é algo doado e que calquera pode facer cunha mínima calidade; e, pola outra, mostrar como o galego é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical. Consiste nun curso de música caseira, dirixido por Carlos, que explica en dúas sesións de 50 minutos como compoñer, gravar e colgar unha canción en internet con ferramentas moi básicas; e, posteriormente, nun concerto acústico noso. A acción está incluída na programación Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.