Mañá martes 28, ás 21.00h, tocamos na Sala Moon de Santiago DC cos Vistalegre. Para eles será a presentación do seu primeiro discazo para BCore. Para nós, a ocasión de volver ver a uns grandes amigos e de pechar a xira de Cuarta potencia antes de embarcarnos nunha aventura acústica que xa vos contaremos dentro de nada.

Estamos tan ilusionados que ata puxemos publicidade no metro de Londres, como podedes ver aquí.

Vistalegre + The Homens

MAR 28 SET, 21.00 h. 5€

Sala Moon, Santiago DC

Da nosa nota de prensa

O grupo catalán Vistalegre e os composteláns The Homens compartirán escenario o próximo martes 28 de setembro en Santiago DC (Sala Moon, 21.00h., 5 euros). Para os de Sant Feliu de Guíxols será a estrea do seu novo disco, acabado de editar por BCore; para os galegos, o último concerto eléctrico antes de embarcarse nunha extensa xira acústica.

Vistalegre son o novo proxecto do produtor Santi García (ex No More Lies), Marc Clos (cuarto membro de Nueva Vulcano, ademais de reputado músico multiinstrumentista) e Roger Ortega (ex No More Lies). A fijación polo punk e o pop dos anos noventa está latente na manchea de boas cancións con estruturas redondas que conforman o seu primeiro disco, Vistalegre.

Nos seus temas predomina a melodía, a vitalidade e a potencia, e a voz asume un papel fundamental. Electricidade e honestidade, punk-rock directo á vez que complexo harmónica e  rítmicamente, farán gozar coma tolos aos amantes de bandas como Kepone, Nada Surf, Replacements ou os primeiros Posies.

Pola súa parte, a banda de pop extremo The Homens acaba con este concerto a súa xira de presentación de Cuarta potencia, producido polo propio Santi García. Este traballo, continuación do seu celebrado Tres, é enerxía condensada en pílulas dóces, é cantar bonito coa boca espumando rabia. Cuarta potencia é cantar por non chorar.

Advertisements