Nese escenario case tropical que se pode ver máis abaixo vivimos o venres pasado un dos concertos máis chulos da nosa carreira deportiva. A actuación no patio do colexio Martín Códax, en Vigo, foi do máis bonito que nos ten pasado. Tivemos diante ao público máis entregado e máis guapo que se pode soñar (ducias de rapaces e rapazas de 3 a 16 anos!), asinamos máis autógrafos que para pedir unha hipoteca (acordádesvos cando aínda se podían pedir?), e, gracias ao sol de xustiza (era a unha da tarde) e aos trinta e tantos graos, adelgazamos uns cantos quilos que xa nos ían sobrando. Despois, os profesores leváronnos comer a un lugar absolutamente incrible. E, para rematar a xogada, de volta na casa, descubrimos que acababamos de vivir un reencontro brutal sen nos dar de conta…

A próxima cita é en DC, o día 3 de xuño, na Casa das Crechas, onde celebraremos o noso quinto aniversario. Para a ocasión estamos preparando (a ver se damos) un repertorio especial no que non vai haber nin unha soa canción nosa, cousa que agradará a máis de un. Ademais, esperamos contar coa colaboración de amigos que significaron moito para nós durante este último lustro. Contámosvos máis en breve.