Seguimos con efemérides, e parece que estamos na época. Se damos feito, o próximo 3 de xuño, xoves, habemos facer unha festa na Casa das Crechas, en DC, para celebrar o quinto aniversario do noso primeiro concerto. Foi o 19 de xuño do 2005, no compostelanísimo festival Rock en Costa que a Asociación Xurásica organizou aquel ano (tocaron tamén Pollegros, Samesugas, Redullos e Post Mortem). A nosa intención para a festa do día 3 é montar un repertorio composto unicamente por versións, as moitas que fomos facendo ao longo dos meses que levamos circulando; xa vos iremos contando como queda o listado, pero, como suporedes, haberá cancións dos Undertones, de The Beat, de Kiss ou de Karina. Admítense suxestions, naturalmente. Ao escenario subirán algúns amigos que nos axudaron durante este tempo. Esperamos vervos alí, aos que estabades no Castiñeiriño no concerto fundacional e tamén aos que nos coñecestes andando o tempo.

Para os fans da revista Cuore e de escrutar o deterioro físico das persoas, aquí vos vai unha foto daquel día.

The Homens, xuño do 2005. Foto Rockeye.

Advertisements