You are currently browsing the monthly archive for Xaneiro 2010.

Esta noite de venres, na sala Nasa, ás 21.30, despídese un dúo totémico da nova canción galega, Os da Ría. Nin multitudinarias manifestacións no Obradoiro -coma esta na que participamos nós- puideron facer que Fabián e Arturito reconsiderasen a súa decisión, tomada, polo visto, por diferenzas persoais irreconciliables. Os The Homens poremos o noso grao de area nesta despedida prestándolles baixista para a superbanda que teñen montada para a ocasión.

Recordarémosvos!

Xa se pode descargar a Cuarta potencia desde a nosa web, pese a que esta aínda está en obras.

Oxalá que vos preste!

Feliz 2010! Esperamos que a resaca vos dure menos do que nos durou a algún de nós, e que o ano novo vos deixase a casa algo máis limpa despois do cotillón.

Os The Homens vamos empezar o ano de concertos o próximo día 22 de xaneiro tocando en Vigo, nese templo que é a Iguana Club. É curioso, pero non vamos alí desde hai catro anos, desde febreiro do 2006. Tocamos daquela con Mallory Knox, e era o noso noveno concerto! Despois, en marzo, vamos ter a enorme felicidade de acompañar aos nosos all time favourites Nueva Vulcano en parte dos bolos que van facer por Galicia. Tocaremos con eles o xoves 4 de marzo en Santiago DC, na sala Moon, e o venres 5 de marzo na Coruña, no sala Mardi Gras. Os Nueva estarán o sábado 6 na Iguana, xa sen nós, que era moito iguanear xunto. Non sabedes as ganas que temos!

En achegándose as datas irémosvos informando de horarios, entradas, etcétera, que de momento servidor (Wu) non sabe moito máis.

Ah! Para os que sigades desesperando, coma min, vendo que a Cuarta Potencia segue sen estar pendurada na nosa web, queremos dicirvos que en breve o conseguiremos. Estou afiando a aguillada para meterlle aos webmasters… Insisto, podedes escoitar o disco no noso myspace e buscalo pola Rede piratescamente. Perdón!