Seguimos cociñando a nosa Cuarta potencia. Para quen lle interese o proceso, diremos que neste momento estamos á espera de que Santi García nos envíe o máster definitivo, é dicir, un disco coas cancións mesturadas e masterizadas (a primeira mestura xa soaba xenial, pero somos un pouco tocanabos), ordenadas tal como van ir nos cedés e nos vinilos que logo Lixo Urbano (gracias!) enviará a planchar á República Checa. O proceso está levando algo de tempo, en parte porque as mesturas pasan do ordenador a un Studer de cinta, coma nos vellos tempos, e en parte porque, desde que nós deixamos o estudio, polo Ultramarinos pasaron nada menos que Charades, Nueva Vulcano, The New Raemon e La Célula Durmiente, e algún máis. Para que logo nos pregunten por qué marchamos á Costa Brava…

En fin, que se todo vai razonablemente ben, Cuarta potencia verá a luz alá por novembro. O resto vai indo: o deseño está listo, unha nova web vén de camiño, a promoción estase pensando, en pouco tempo colgaremos por aí un avance e en breve anunciaremos a data da presentación atutiplén, para que quen queira poida ir anotándoo na axenda. Prometemos facer o posible para que sexa unha noite chula!