O soño de calquera hardcoreta (porque iso nunca se deixa de ser) é o que nós chamamos “facer a de Fugazi“, que é, tal e como aparece na entrada XV do noso Vocabulario Urxente do Rocanrol, tocar a pelo, como dicía o abuelo, sen repertorio anotado nin nada que se lle pareza. Nós, que somos bastante pouco disciplinados, estivemos bastantes veces a un par de minutos de ter que facelo. Esquecernos da folla na que anotamos as cancións é bastante habitual; bon é que nunca nos deixásemos na casa as camisetas de raias, que todo pode pasar. As máis próximas a tocar a pelo foron actuacións nas que, no último minuto, aparecía unha servilleta con algunhas cancións anotadas, e un de nós ía berrándolles aos demais o que ía xusto despois. En Neda, hai uns días, chegamos a anotar o listado nas blondas das empanadas que a organización amablemente nos dispuxera para cear.

Todo isto vén a conta de que, despois de case dous anos de uso e abuso, o noso repertorio vello e clásico vai pasar á historia. É dicir, queridos amigos que nos levades seguindo durante varios concertos, que o noso típico sota-cabalo-rei acabou; no próximo concerto (creo que é en DC o 5 de setembro, confirmarémosvolo) teremos moitas cancións novas, ordenadas de distinto xeito, tocadas con folgos (e pedais!) renovados, e adornadas con chistes distintos (isto último urxía, si…). Seguro que nos sae peor, pero vai ser máis divertido.

Ou iso esperamos!

Repertorios

Repertorios

Advertisements