You are currently browsing the monthly archive for Xullo 2009.

No día no que empezamos a emitir en directo partes da gravación do disco a través da nosa canle no Ustream (non imos poñelo todo, é un coñazo e ademais nós non somos concursantes do Gran Hermano, pero tentaremos emitir boa parte), quedaron gravadas as baterías de cinco temas, que están quedando perita. O experimento do streaming tivo boa acollida: hai quen di que somos a alternativa natural de El gato al agua (gracias, é o programa favorito dalgún de nós, e non vou dicir de quen nin que turbias razóns ten para que sexa así), e hai quen nos dá ánimos en redobles especialmente complicados.

O día, como é natural, acaba cunhas cañas e unhas bravas. Mañá chegará Cristovao!

Máis The Homens en directo mañá pola mañá!

Iso, que xa se pode seguir en directo a gravación do noso novo disco a través desta páxina en Ustream. Non vai ser un 24 horas tipo Gran Hermano, e non teremos a cámara conectada seguido, porque iso sería un coñazo para quen o ve e un agobio para quen o emite, e, ademais, necesitamos o noso tempo para cagala, para cagar, poñer podre a outra xente e para despeinarnos, pero procuraremos mostrarvos o máis posible, e irvos adiantando a que horas nos enchufaremos (no caso de que a alguén lle interese isto…)

Ah, it’s a brave new world…

A pesar dos contratempos iniciais (un pé de batería esquecido en DC e un prato, outro máis, estrañamente cascado, ambos os dous solventados por Víctor García), o primeiro día de gravación do noso segundo LP, con Santi García aos mandos, é ben produtivo. Un monte de micrófonos rodean a Ludwig sesenteira na que Xocas vai tocar as súas partes, con Roi como referencia ao baixo. Despois de horas de probas (os primeiros días son así), a cinta (é unha maneira de falar, dixital si, gracias) empeza a xirar. Xa van dúas baterías gravadas. Despois, praia e a durmir.

Iso, mañá pode que haxa webcam e fotos. Pode.

Mentres o Patrón machaca (literalmente) na batería dos Estudios Ultramarinos Costa Brava, o noso ministro de Novas Tecnoloxías, Le Roi, retransmite a xogada en directo. De momento podedes seguir a cousa a través dos seus comentarios en Facebook (buscade a páxina de The Homens, non sei poñer o enlace); en breve, tamén por webcam. Eu, Wu, tentarei ir facendo resumes e colgando fotos por aquí e por acolá.

(Advertencia: quen crea que gravar un disco é divertidísimo, unhas risas e un non parar de jajajás e jijijís, pronto comprobará o equivocado que está!).

A metade rítmica dos Homens xa está en Sant Feliu desde hoxe a media tarde. Instalados no apartamento, cos instrumentos dentro do estudio e co estómago ben surtido de Bonet, marchan ver aos Nueva Vulcano a Girona.

Isto acaba de empezar!

Roi e Xocas están xa de camiño para Sant Feliu de Gúixols coa carriña medio cargada, porque á gravación non levamos nin batería nin amplis, pero si trapallada tan curiosa como shakers en forma de calabacín e un adibal amarrando a caixa dos soportes dos pratos. Os que polo momento quedamos seguiremos informando.

Como se ve na foto inferior, a banda sonora da viaxe promete.

A versión atlántica dos dous de Estopa

A versión atlántica dos dous de Estopa

Por certo, hoxe na edición galega de El País recomenda Xocas varias lecturas para o verán.

Ala, todo listo, ou polo menos case listo: guitarras axustadas e limpas con centella, pratos do tamaño dunha empanada novos e recén bruñidos, teclados empaquetados, voces ben hidratadas, claquetas calculadas ao bpm, plan de gravación estudiado, billetes de avión pagados, carriña con catalizador cambiado, mapas revisados, letras… ben, as letras están case todas listas. Esta noite quedaremos na Nova Xurásica para cargar a furgoneta e deixala preparada para que a metade dos Homens saian o venres pola mañá con destino a Sant Feliu de Guíxols. Alá vamos!

Por certo, este verán temos polo momento dous bolos confirmados (é que os festivais péganse por contratarnos, oiga). Con toda probabilidade estaremos o sábado 25 de xullo en Neda, e o día 1 de agosto no fabuloso Festival Antros Pinos, en Taragoña, con Machina, The Majestics e Yoplay.

Pois iso, que xa anda por aí circulando o CD Vozes novas, que editan o xornal Novas da Galiza e Komunikando.net, con Tomás Ageitos e Marcos Payno, dous cracks, na masterización e na coordinación. Creo que custa 8 euros, e pode encargarse chamando ao 692060607 ou enviando un correo a encomendas@novasgz. No disco pódese escoitar material de grandes amigos como Projecto Mourente, Fanny + Alexander, GalegoZ ou Zimmer 103 (coño, que curioso, todas son bandas de maquinillo!), e así ata 19 cortes. The Homens contribuímos ao asunto con Ilha Formosa, unha canción de amor oriental que se pode escoitar, por exemplo, picando aquí.

capa-cd-vozes-novas-web

Técnica do candado: Estratexia que se leva á práctica para intimar con ídolos cos que un comparte backstage, consistente en trincar cun brazo ao tal ídolo polo pescozo, evitando así que escape da chapa que un lle dá, e favorecendo as fotografías nas que parece que os dous músicos, o idolatrador e o idolatrado, son superamigos.

Daquela o plan é o seguinte:

– O día 10, venres, Roi e Xocas parten coa carriña cargada (tampouco demasiado; no estudio de Santi hai case de todo) camiño de Sant Feliu de Guíxols. Farán parada e fonda en Logroño, onde hai dous anos deron o espectáculo no camping durmindo coas portas da furgoneta abertas e vestidos só con calzoncillos de abella. Chegarán á Costa Brava o sábado, instalaranse no apartamento que alugamos ao lado da praia de Sant Pol, en S’Agaró, farán a compra e pasarán unha fin de semana opípara.

– O día 13, luns, comenzaremos a gravar baterías e baixos, o que consumirá a primeira parte da semana.

– O día 15, mércores, pola noite, chegará en avión a Barcelona Cristovao, para facer as partes de teclados, hammonds (esperamos conseguir un pedazo hammondazo de época), pianos (pianos de verdade!!!) e demais.

– O día 18, sábado, e máis o domingo, deixaremos que Santi descanse a cabeza de nós, que falta lle fará. Roi, Xocas e Cristovao pasarán, como non, outra fin de semana opípara.

– O día 19, domingo, voará a Barcelona o Martin Wu, que non poderá chegar antes por ser pai amantísimo. Botará toda a semana, do 20 ao 24, gravando voces, guitarras, ruídos, pedais, palmicas e todas esas chorradas que tanto lle gustan. Na parte final da semana engadiranse tamén os adornos e ocorrencias que dea tempo. Alternativamente, ese mesmo día 19 voará a DC Xocas, por cousas de traballo.

– O día 20, luns, regresará de DC Xocas via aérea.

– O día 24, venres, empaquetaremos todo, tristes por marchar desa terra de promisión que é a Costa Brava, e volveremos a DC, uns (Roi, Xocas, Cristovao) en furgoneta (o máis cedo posible, porque é probable que o día 25 teñamos bolo), e outro (Wu) en avión, para que lle dea tempo a aproveitar a mañá.

Faciliño, eh?