Tan nostálxicos xa que algúns estamos escoitando o Mediterráneo de Serrat, estamos de volta, aínda que nos pese. O sábado demos o noso concerto número 100 en Neda, xunto co cantautor Andrés Suárez e cos Combo Dinamo (son boísimos!!!), baixo unha xeada do copón e co escenario e os amplificadores encharcados pola humidade. Estivo ben volver atoparse co escenario despois de dous meses e medio; o sábado que vén estaremos en Taragoña, no festival Antros Pinos, que nos fai moitísima ilusión, e penso que o 5 de setembro tocaremos en Santiago DC, nas festas da rúa de Baixo, nos Basquiños. Xa vos iremos contando.

En canto ao que nos leva ocupando meses, e especialmente as dúas últimas semanas, o disco, a cousa está repousando. Levedando, máis ben. En nove días, ese monstro que é Santi García gravounos catorce temas cunha sección rítmica que che fai saltar as tripas e unhas guitarras tumbamuros que un flipa só de recordalas. As voces quedaron feitas tamén, a algúns pianos; Cristovo volverá a mediados de agosto para rematar con hammonds, farfisas e demais teclismos, e Santi botará despois os polvos máxicos para rematar as cancións. Se lle ves a folla na que anota o que se lle vai ocorrendo para ambientar cada canción alucinas, porque escribe ‘tímpani’, ‘magneto’, ’12 cuerdas’ ou ‘veu noia’ e só podes pensar que vai quedar xenial. De Sant Feliu de Guíxols non trouxemos nin sequera unha premestura; mellor esperamos a que o asunto vaia decantando, non? Os vídeos poden verse aínda no Ustream; falaron do asunto, por exemplo, aquí, aquí e aquí.

Asunto aparte son eses días que pasamos (algúns máis que outros) na Costa Brava, que nos dan a vida. O momento culminante foi, sen dúbida, a pulpada coa que se coroou Xocas como Patrón en xefe. Quince polbos cociñou no chalet-castell de Joan na praia de Sant Pol. A festaca tivo concerto dos fantásticos We Can’t Be Lovers e intervención etílica dos Homens ata a chegada da policía municipal, e rematou con baño por inmersión no Mediterráneo. O mellor é que estaban todos, ata trinta ganxós que para nós son amigos para sempre.

O que nos tarda volver, nois.

En breve, fotos, vídeos e máis detalles.