Daquela o plan é o seguinte:

– O día 10, venres, Roi e Xocas parten coa carriña cargada (tampouco demasiado; no estudio de Santi hai case de todo) camiño de Sant Feliu de Guíxols. Farán parada e fonda en Logroño, onde hai dous anos deron o espectáculo no camping durmindo coas portas da furgoneta abertas e vestidos só con calzoncillos de abella. Chegarán á Costa Brava o sábado, instalaranse no apartamento que alugamos ao lado da praia de Sant Pol, en S’Agaró, farán a compra e pasarán unha fin de semana opípara.

– O día 13, luns, comenzaremos a gravar baterías e baixos, o que consumirá a primeira parte da semana.

– O día 15, mércores, pola noite, chegará en avión a Barcelona Cristovao, para facer as partes de teclados, hammonds (esperamos conseguir un pedazo hammondazo de época), pianos (pianos de verdade!!!) e demais.

– O día 18, sábado, e máis o domingo, deixaremos que Santi descanse a cabeza de nós, que falta lle fará. Roi, Xocas e Cristovao pasarán, como non, outra fin de semana opípara.

– O día 19, domingo, voará a Barcelona o Martin Wu, que non poderá chegar antes por ser pai amantísimo. Botará toda a semana, do 20 ao 24, gravando voces, guitarras, ruídos, pedais, palmicas e todas esas chorradas que tanto lle gustan. Na parte final da semana engadiranse tamén os adornos e ocorrencias que dea tempo. Alternativamente, ese mesmo día 19 voará a DC Xocas, por cousas de traballo.

– O día 20, luns, regresará de DC Xocas via aérea.

– O día 24, venres, empaquetaremos todo, tristes por marchar desa terra de promisión que é a Costa Brava, e volveremos a DC, uns (Roi, Xocas, Cristovao) en furgoneta (o máis cedo posible, porque é probable que o día 25 teñamos bolo), e outro (Wu) en avión, para que lle dea tempo a aproveitar a mañá.

Faciliño, eh?