Xa temos a lista de temas que gravaremos dentro de moi pouco en Sant Feliu de Guíxols. Sempre é posible que caia algún da lista por torpeza extrema dalgún dos Homens, ou, máis ben, porque servidor non dea feito a letra a tempo, pero é bastante probable que as cancións que traballemos con Santi e Víctor García entre os días 13 e 24 de xullo (con posible recaída despois do verán) sexan Hamster, Fanny Mae, A liña verde, Mira como arde, Rei azul, Crocanti, Tigre, tigre!, Non é o final, é o principio, À la guillotine!, Alba nuclear, Eles vs. Nós, Trutitoque (título provisional), 90 (título provisional) e Costa Brava (título provisional).

Nos estudios pasan cousas raras, e pronosticar como vai quedar un disco é garantía de cagala. Hai dous anos, Calamar entrou de rondón na gravación de Tres; era a canción máis vella da tacada, composta na época de #2 pero sen gravar por falta de ensaios naquel momento. Ao final acabou sendo a nosa canción máis radiada (uauhhh, súper radiada, é que no fío musical do Eroski de Montouto non se oía outra cousa…) e na protagonista do fermoso vídeo que nos fixeron Roi Fernández e Isaac Cordal. Así que desta vez imos ver como respiran as cancións. En principio, como xa comentamos, o disco ten pinta de saír máis escuro, máis rabioso e máis punk que Tres, e a nosa intención é retorcelo un pouco de produción, que senón aburrímonos. Pero a ver, ao mellor acabamos facendo un cedé de música chicle ou de afrobeat, esa música que se puxo de moda en canto a empezaron a vampirizar chavalitos brancos. Pero dubidámolo.