Quédanos pouco máis dun mes para marchar de novo a Sant Feliu de Guíxols gravar o noso segundo disco longo, de novo con Santi García e Víctor García aos mandos. Pese a que parece que outra vez imos quedar homeless, tentaremos aproveitar estas semanas que temos de gracia para acabar de preparalo todo. Segundo o noso plan de voo, gravaremos unhas catorce cancións. Hase ver como quedan, cales van no disco e cales non, en que orde, etcétera.

A metade delas xa as gravamos en versión demo hai uns meses con Tomás Ageitos (e quedaron xenial!), e varias xa as tocamos desde hai tempo nos nosos directos (arg, como se botan de menos as táboas, e só levamos catro ou cinco semanas parados!). A nós parécenos que funcionan case todas, aínda que haberá que ver como respiran na gravación final. Quédannos algunhas letras por pechar, algúns detalles que non temos claros e logo todas as cousas que se lle van ocurrindo a un no estudio, pero o que queda ata mediados de xullo é mallar (boa palabra para o Vocabulario urxente: practicar, practicar e practicar ata aburrirse, cousa que facemos pouco, por certo), ensaiar as cancións coa claqueta á que irán axustadas, empaquetar as maletas e viva o Baix Empordá.

Temos moita curiosidade por ver como nos vai quedar o disco. Coa chegada de Cristovo ao grupo, aló en verán, gañamos contundencia en directo e melodía para as cancións; por iso nos parece que o próximo disco vai ter arranxos mellor feitos, melodías vocais máis interesantes, pijadas de produción máis ocurrentes. Con todo, dáme a min que nos vai quedar un disco tristón. O que está ocurrindo arredor (o castañazo que está levando o capitalismo e que estamos pagando os que menos pasta temos, o rearme do facherío, a desilusión, o crecente tamaño da careca do cantante) estanos levando de volta ao punk. Efectivamente, Pablo, para o rocanrol non hai nada mellor que o ultraliberalismo, que é unha maneira elegante de chamarlle a que che metan a man no peto. En fin, non sabemos como vai quedar todo, pero a nosa próxima edición vai ser algo así como un disco conceptual sobre cagarse en sus muelas.

Seguiremos informando!

Advertisements