Chegou a hora de tomar un respiro, aínda que tampouco vai ser un respiro moi grande. Este xoves damos en Vigo (La Fábrica de Chocolate, 22.00 horas, 3€) o último dos concertos da nosa xira de inverno-primavera 2009, que nos levou por unha ducia de escenarios de Galicia, Portugal e Catalunya. Xa afeitos a sermos catro no escenario, na carriña e nos restoráns, houbo nestes meses algúns deses bolos que nunca se esquecen. Agora toca unha pequena pausa.

Aí a mediados de xullo viaxaremos de novo a Sant Feliu de Guíxols para renovar o fondo de armario gravando o segundo disco longo. De momento temos máis ou menos montada unha ducia de temas novos. Algúns como Hamster, Fanny Mae ou Mira como arde xa os podedes escoitar nos nosos directos; outros aínda están cocéndose, e teñen títulos provisionais como Crocanti, Non é o final, é o principio, Rei azul ou Tigre, tigre! Hase ver. Con Santi García de novo aos mandos a cousa ten boa pinta; contamos que estea lista en outono. Agora queda traballar ben o asunto en maio e xuño, e para iso hai que parar un pouquiño. Tampouco vén mal, porque levamos de xira algo así como tres anos. Se non aparece nada antes (e xa estamos incumprindo os termos da tregua, hahaha!), é de supoñer que en verán, despois da gravación, volvamos á carga, máis viejunos, máis morenos e aínda con máis ganas.

Así que, despois do da Fábrica do xoves, poñémonos en standby para esperar nacementos (dos discográficos e dos de verdade). Vémonos en Vigo se vos apetece!

The Homens

Xoves 30 de abril, 22.00h.
La Fábrica de Chocolate, Vigo.