Restaurante Inácio
Campo das Hortas, 1. Braga. Teléfono 253 613 235

Menú para catro homens, un técnico de son e un xornalista deportivo:
Primeiro: caldo verde.
Segundos: bacalhau á Inácio para 2 (é dicir, 1 dose); cabrito; tournedos; bife de non recordo ben o que; roxóns.
Postres: 3 tartas de queixo e un toro de abacaxí.
Viño verde da casa branco e tinto, auga, pan e café.

Prezo por cabeza: 20 euros.
O problema máis gordo co que nos atopamos os Homens cada vez que vamos tocar a Portugal é que non temos freo. Cada vez que pisamos Porto, Braga ou a cidade que sexa, desbocámonos, e acabamos con enormes dores estomacais, cerebrais, morais e financeiros. Iso si, acabamos contentos, porque Portugal ten moitas cousas que nos encantan: cidades preciosas, locais impresionantes, grupos de enorme nivel, amigos dos de verdade, un público fantástico e (evidentemente, por iso este texto vai na sección que vai) unha comida de categoría planetaria.

Un truco do que botamos man de vez en cando para saber onde c0nvén ir comer aos sitios é preguntarlle aos pais de Wu. Neste caso recomendan o Inácio, nunha das portas da cidade vella de Braga, un restaurante que, á súa vez, un autóctono lles recomendou a eles cualificando de “muito, muito bom”.

E é. Como a visita se fixo á cea procuramos controlarnos (algún día contaremos a teoría de Tomás Ageitos, que nos coñece mellor que ninguén, sobre a proporción inversa entre a cea que inxerimos e a velocidade á que tocamos despois).  Algún valente mándalle un caldo verde “para asentar o estómago”, e di que está ben bo. Despois vén a materia principal: excelente cabrito (polo visto típico da semana santa portuguesa, segundo nos comenta o amigo Pedro Cadima), un gran bacalhau á Inácio (que nos cociñan fóra da carta, e que vén con cebola cociñada e patacas asadas, espléndido), uns rojoes preparados como é típico no norte (con sangue fritida, un pouco fortes para quen escribe isto, pero gozados polos demais), un tournedos e un bife. Para rematar, tres pedazos de cheesecake que logo fan a tarta enteira e un toro de piña sobre o que facilmente se pode colocar o mastro dunha bandeira. O conxunto, degustado nun restaurante de apariencia típica cun reloxo de cuco que parece marcar con precisión a transición entre prato e prato, é ben bo. A conta, servida en cofre de madeira, aínda é mellor: 20 euros por barba!

En breve, fotos da excursión!

(De acordo, non é que esta sección de gastropop sexa precisamente coma a Guía Michelín, e probablemente valoramos moito a cantidade e o prezo e todas esas cousas que para os gourmets son secundarias, pero, amigos, para o que cobramos por escribila ben vale, non?)

(E, por certo, moitísimas gracias a Inés e a toda a xente do Galiza em trânsito por nos convidar a participar na edición deste ano, á xente que nos foi ver e que participou nas actividades desta intervención cultural galega en Braga e á xente do Insólito Bar, que é fantástica!).

Advertisements