Estámonos dando ás emocións fortes ultimamente… Descansados (uns máis que outros) despois das vacacións (uns tiveron máis que outros), recuperados das tremendas descargas de adrenalina de Ribeira e Bueu a principios de mes, estamos xa para outra. A fin de semana que vén alugaremos carriña (na oficial só cabemos catro, e desta vez acompáñanos de novo Tomás Ageitos) e partiremos rumbo ao sur, onde nos esperan dous concertos ben chulos:

O Porriño, Bar Liceum, venres 17 ás 23.00 horas. Si, xente, ao lado da casa de Cristovao. Esperemos que a el non lle treman as mans pola responsabilidade (no argot médico-musical a isto chámaselle movida trembling hands) e que aos outros tres non nos dea por cagala e deixalo quedar mal diante da parentela. Estamos seguros de que non vai pasar nin unha cousa nin a outra. Louriña forever.

Braga, Insólito Bar, sábado 18 ás 22.30 horas, horario de Portugal. Hai máis dun ano que non cruzamos o Miño para tocar. En xaneiro do 2008 presentamos con catro bolos o noso Tres, da man dos amigos de Audiência Zero. Agora son os organizadores de Galiza em trânsito os que nos honran convidándonos a participar nesta xornada de intervención artística galega en Portugal. Trámase o regreso do mítico ‘senhor Patrao’…

Advertisements