Vaia dous sitios aos que iremos esta fin de semana, Ribeira e Bueu. Coincide que son os dous lugares aos que, en verán, adoitamois ir poñer moreno o rabaco (!?), pero, ademais, as citas son especiais por moitas cousas.

Da do venres hai moitas ganas: convidounos o noso amigo, conselleiro e mentor, Tomás Ageitos. El e os seus compañeiros do colectivo Bastantes Llon organizan a quinta edición da xa clásica Festa da Chuvia, un festón que dura dous días. Nós estaremos o primeiro, o venres 3, no palco Ruído na rúa, ás 23.00, con Spinning Jenny ( un nome bonito!). Algo antes, ás 21.00, Os Jalochos (Charanga Punki), Os Festicultores Troupe, Os Chiquiliquatres e Os Bodegueros andarán por Ribeira de pasarrúas. Para o sábado, entre outras cousas, esta xente ten preparado un maratón no que participan todas as bandas da vila, e as actuacións de monstros como Galegoz, Bodega Bodega, Os Tres Trebóns, Lamatumbá e Inllorfeis. Un luxo.

Logo, o domingo estaremos nunha das salas máis míticas de Galicia, o Aturuxo de Bueu, desde a que Leiro leva anos facendo un traballo estupendo. Habemos estar tocando arredor das 21.00 horas.

The Homens no Aturuxo (Bueu), 29-10-2006

The Homens no Aturuxo (Bueu), 29-10-2006

(Así de sentida foi a nosa última visita ao Aturuxo, en Bueu. A foto é de Audiência Zero, o que nos recorda que vos temos que contar que o 18 de abril volveremos a Portugal, ano e pico despois, para actuar en Braga).