You are currently browsing the monthly archive for Febreiro 2009.

Coros Bud Spencer: dise das aportacións vocais tirando a graves e papanoélicas. Unha variación extrema son os coros de calexón de Balaídos, que se fan empregando unicamente a sílaba “lo”.

Pese ao frío, pese á tristeza que nos entrou cando nos contaron o que pasou onte pola mañá en DC, pese á constante ameaza de picaduras cobreguiles, pese á chuvia, á neve e ás lameiras, ou quizá grazas a todo iso, a fin de semana que vén de rematar foi antolóxica. Despois de moito tempo sen pasarmos tanto tempo xuntos na carriña, renovamos o noso repertorio de chistes privados (algún día conviría facer un reconto das tonterías que se poden chegar a dicir dentro dunha furgoneta), desfogamos cun concerto a toda pastilla na fantástica sala 600 de Melide (Projecto Mourente estiveron ENORMES, mellor que nunca, coidado con eles! ) e gravamos oito temas no estudo de Tomás Ageitos, ese santo varón, en Ribeira. Algúns xa os facemos en directo, outros aínda non e outros máis están aínda na incubadora, pero van indo.

A nós gústannos.

En canto teñamos fotos e vídeos do tema, colgaremos todo por aquí.

Emitindo ‘live’ desde o hotel de Melide, mentres almorzamos: estamos a punto de partir para Ribeira, onde Máster Tomás Ageitos nos vai gravar unhas demos de cancións novas e nos vai obsequiar cun par de opíparas comidas (ou iso esperamos), se é que o cansancio, o frío e a falta de voz nolo permiten…

Onte pola noite, na sala 600: pouquiña xente, pero intensa, bailonga e algo mal da cabeza (saír da casa co frío que facía e a nevarada que estaba ou caendo ou ameazando con caer ten o seu mérito), e un local precioso cun son fantástico e un dono, Miguel, que é un crack. Moitas gracias a todos e a todas!

Estreamos imaxes de promo para o 2009! Un pouco máis abaixo podedes rompervos a cabeza con esta foto que nos fixo, coma sempre, o incomparable Janite, ao que temos que darlle de novo os nosos agradecementos eternos (e van unhas cantas veces).

E mañá estamos cos Mourentes en Melide!!!

THE HOMENS + PROJECTO MOURENTE

Venres 6 de febreiro, 00.30h. Sala 600, Melide.

3 €. Venda anticipada na Sala 600, O Lar e Pinocho.

The Homens ao estilo Escher

The Homens ao estilo Escher

Menos mal que co cambio climático isto ía ser coma os arredores do oasis de Gadamés… Este espanto de inverno acabou de fastidiarnos esta fin de semana botándonos abaixo a instalación de electricidade do local, xusto agora que por fin pagamos o recibo. Digamos que, cando menos, non era bo momento, co primeiro bolo da xira do 2009 o venres e unha gravación a fin de semana, pero en fin, o tema está solucionado: como marchou, a luz volveu.

O caso é que o venres habemos estar en Melide cos Mourentes, e iso xa nos pon de bo humor. Xa sabedes, festa asegurada, látigos no escenario, rocanrol, vatios, dance all night long, entradas a prezo de risa, etcétera etcétera. Alí estaremos!

THE HOMENS + PROJECTO MOURENTE

Venres 6 de febreiro, 00.30h. Sala 600, Melide.

3 €. Venda anticipada na Sala 600, O Lar e Pinocho.

Batucada mourentil no Pub Silfo (Carballo), agosto do 2007

Batucada mourentil no Pub Silfo (Carballo), agosto do 2007

Foto mangada a Apocalipse do Porco. Conócese que era verán, que bronceados…

Pablo Seoane, ese home fantástico ao que durante anos lle confiamos o axuste, desguace, limpeza, tuneado e posta a punto das nosas maltratadas guitarras e baixos, morreu onte no Clínico de DC.

E dános moita pena.