Despois de moitos meses (ano e medio, en realidade), retomamos a nosa sección de gastropop cunha das últimas descubertas que fixemos. Medio prometemos actualizar este asunto con máis frecuencia.

Restaurante A Dorna
Avda. Malecón, 18, Ribeira. Telf. 981870225

Menú para catro homens e un voraz técnico de son:
Primeiros: 4 arroces con berberechos e 1 caldo galego.
Segundos: 3 rapes en salsa e 2 bonitos con salsa de tomate
Auga, pan e café de pota.

Prezo por cabeza: 10 euros.
A Tomás Ageitos chamámoslle Máster por algo. En realidade, por varios algos. Ir tocar por aí con el é moi distinto a facelo sen el: cando está detrás dos mandos técnicos dun concerto, o equipo vibra, o grupo medra e nós estamos máis cómodos, tocamos máis contentos e somos moito mellores que cando nos falta. Ir tocar por aí con el é moi distinto tamén porque Tomás sabe ducias de anécdotas de músicos, técnicos, políticos, informáticos e demais personaxes ribeirenses. Ademais, Tomás toca a batería de vicio (coa Compañía do Ruído, entre outros), argalla con cantos aparatos se lle poñan diante (por exemplo cos Galegoz), grava de marabilla no seu estudio, ten máis paciencia que un santo e, por se fose pouco, sabe levarnos comer como mandan os manuais.
Porque o que lestes máis arriba, querid@s, lésteslo ben. No restaurante A Dorna, no paseo marítimo de Ribeira, cómese un menú (aparentemente só comidas, de luns a sábado, e ceas por encarga) por dez pavos. E o menú non é calquera cousa: non nos deu por probar os fideos con produtos do mar, nin a merluza ou a carne, pero seguro que tamén estaban ben, a xulgar polo arroz con berberechos (moi bo, xusto no seu punto, cousa de mérito para ser plato de menú), o rape (estupendo) e o bonito (excelente, cunha salsa de tomate e pementos que lle quitaba por completo esa secura que a veces ten este peixe).

Gustounos tanto que o día 6 de abril habemos volver a Ribeira, esta vez para tocar na Festa da Chuvia!

The Homens no estudio de Tomás Ageitos

The Homens no estudio de Tomás Ageitos

Advertisements