Problemas técnicos á marxe (solventados polo noso gardacostas particular, Tomás Axeitos, gracias, perdón, gracias, perdón, e todo iso sucesivamente), o do Cultur.gal estivo moi ben: un auditorio precioso, uns compañeiros de escea espectaculares (iso si, ningún tanto coma os tres compoñentes do show de Projecto Mourente!), unha produción tremenda e uns pinchos de campionato.

Agora, antes de rematar o ano, temos outras dúas citas co palco: a primeira o xoves 11, na gravación dun programa para a tele (non sei se estamos contando algo que non debemos…); a segunda, o domingo 14, no Teatro Principal, na noite solidada de Implicadas/os no desenvolvemento. O asunto empeza ás 20.30, e hai teatro (Celso Parada e Patricia Vázquez), danza (María Reimóndez e Disque Danza), poesía (Marga do Val, María do Cebreiro, Xabier Cordal, Celso Fernández Sanmartín) e música (Xabier Díaz, Chocolate Sexy Soul e servidores), coa presentación de Luis Tosar e Yolanda Castaño.

Por alí andaremos.

cartel_implicate_peq

(Por certo, un descubrimento, vía Zimmer 103: os superinquietantes EPs de Emilio José, ex integrante de Apeiron, en descarga libre no seu myspace).