Tedes que disculpar. Hoxe había algunhas cousas que contar (rollos de vídeos, etc.), pero a cazolada antiSgae de onte e a súa repercusión mediática (escasa, como era previsible, eles pagan páxinas de publicidade nos xornais e nós non) fixo que o plan cambiase. Así que primeiro anoto unha declaración de Teddy Bautista en La Voz e logo comento.

El presidente de la SGAE, Eduardo Bautista, explicó la vocación de la sociedad para la defensa de los derechos de autor frente a la «demagogia de los que piden que sea libre; podrá serlo cuando el pan o las medicinas que los autores también tienen que pagar sean libres».
Demagóxico (e asqueroso) é pretender que botemos o moco polos pobres presuntos autores, que non teñen pan nin menciñas, o mesmo día no que exhibes con toda a chulería do mundo un edificio de 10 millóns de euros.
Demagóxico é dicir que se aposta polos novos valores da música e que na túa presentación en sociedade “los rostros más buscados fueron los de populares como Los del Río o Tam Tam Go!”, e outros famosetes de medio pelo.

Demagóxico é ir de progresista e defender un sistema no que os únicos que gañan son Los del Río, Tam Tam Go!” e outros famosetes de medio pelo.

Demagóxico é dicir que se defende aos autores impoñendo un modelo de acceso á cultura restrictivo e elitista: se tes pasta, les, escoitas e ves; e, senón, fastídiaste. Coma no século XVIII.

Demagóxico é dicir que se defende aos autores cando se fai desde unha asociación rexida pola democracia censitaria: tanto vendes, tanto vales. Coma no século XVIII.

Demagóxico é dicir que non se ten ánimo de lucro e conformar de tapadillo unha rede de empresas, paraempresas, medioempresas e intereses cruzados que se están forrando.

Demagóxico é dicir que se defende aos autores sendo a ÚNICA maneira que existe de percibir os dereitos derivados de, por exemplo, emisións radiofónicas. É dicir, que se na radio poñen unha canción de The Homens, a que cobra por iso é a SGAE. Nós, que non somos socios, temos dúas alternativas: reclamar a NOSA PASTA á SGAE (demostrando que canción se emitiu, en que programa, a que hora, etc.) ou renunciar aos NOSOS DEREITOS para que estes señores lle dean un pouco máis de brillo aos corredores dos seus edificios.

Demagóxico é dicir que se defende aos autores e facerlles pagar PREVENTIVAMENTE aos grupos pequenos por editar un disco, vender as entradas dun concerto, etc, coa promesa de que logo “xa lles devolverán a pasta” (sen a correspondente comisión por gastos dunha xestión que o grupo non solicitou).

Demagóxico é dicir que se defende aos autores cobrando polos dereitos de artistas que non son socios (e outros que nin sequera saben que a SGAE existe).

Demagóxico é dicir que “la música se muere” e ingresar 343 millóns de euros no 2006.

Demagóxico é dicir que se defende aos autores e impedirlles de facto (acosando as redes p2p, “canoneando” os cds e os aparatos) que difundan a súa música da maneira que mellor lles parece.

Demagóxico é dicir que se defende aos autores e pretender que, gracias aos manexos anteriores, nin dios coñeza aos grupos emerxentes e nin dios lles vaia aos concertos. Os chavales, a ver aos triunfitos, que iso é arte.

Demagóxico é disfrutar da xestión dun imposto preventivo, que se cobra “por se acaso”, e comparalo con “impuestos que se pagan por carreteras por las que nunca vas a circular”. Vou ter que darlle unha volta ao meu concepto de Estado.

Demagóxico é aparentar que se ten a razón cando, realmente, o que se ten é a forza a través da capacidade de presionar aos politiquillos de turno (ningún quere ter diante unha manifestación de semideuses creadores encabezada por Pilar Bardem).

Demagóxico é dicir que se defende aos autores metendo detectives privados en vodas, denunciando a discapacitados, ameazando aos buseiros, acosando aos hosteleiros, extorsionando aos propietarios de salas que (oh, pardillos) organizan concertos de grupos que non son socios e que, con todo, teñen que pagar igual.

Demagóxico é parapetar a cultura detrás dun exército de avogados (ou de policías, coma onte no Obradoiro).

Demagóxico é dicir que se defende aos autores cobrándolles a quinta parte do que gañan por pouco máis que ofrecer “protección” (coma a mafia nos peiraos de Nova York).

Demagóxico é defender aos autores sen dicir como, sen contar como se reparten os cuartos, sen explicitar a que se dedica cada un dos chiringuitos que se montan, porque “prexudicaría os intereses dos asociados”.

Demagóxico é defender aos autores á forza, aínda que estes non queiran.

E, con respecto ao de onte (e esta é unha apreciación individual de servidor, Martin Wu), tamén é bastante demagóxico ir de rojeras e dar leccións de patriotismo barato e logo facerlle o xogo a esta tropa.