Restaurante Cau del Pescador.
C/ St. Domènec, 11 · 17220 Sant Feliu de Guíxols · Tel. 972.32.40.52

Menú para tres homens:
Anchoas de Sant Feliu sobre tostas.
Peixes do día fritidos.
Arroz mariñeiro ou suquet de rape.

Postre de difícil recordo despois de varias botellas de Viña Esmeralda.

Café e copazo de Estomacal Bonet.

Prezo por cabeza: Á espera de atopar factura, págase con gusto.

Ser fan é unha cousa curiosa; significa, dalgunha maneira, entregar unha parte da túa independencia a alguén ao que, no mellor dos casos, coñeces só vagamente, e a quen lle das certo poder de decisión sobre o que pensas ou o que fas, porque confías nel. Nós somos fans de perfil baixo, pero de moitas cousas: dos Super Furry Animals; do asador Entrevías no Pai da Cana; dos instrumentos con pinta de velloucos; de Óscar Pereiro e de Perico Delgado; das carriñas con frigorífico incorporado; do futbolín do Bar Tolo en D.C.; e tamén de Santi García, que, á súa vez, é fan do cociñeiro de Cau del Pescador. A nós non nos custou demasiado saber por que.

Se en Sant Feliu de Guíxols dis que vas cear ao Cau del Pescador, calquera indíxena sacará os morros, afirmará coa cabeza e fará un “hm hm” de aprobación. Para estar onde está (pegado ao Passeig del Mar), non é excesivamente guirillento, nin sequera en verán. O camareiro está sempre disposto a defender as virtudes dun Viña Esmeralda ou de calquera dos mellores penedés fronte a talibáns do Guitián e do godello. E, sobre todo, aí está o que che poñen na mesa: as anchoas de Sant Feliu bailan sobre tostas entomatadas; os peixes entran pola porta espidos, desfilando desde o mercado de Sant Feliu, 500 metros ao sur; o arroz mariñeiro faille a un bater palmas; pero o suquet, ah, o suquet é tan perfecto que un lamenta que no restaurante non haxa ventás polas que botar unha salva de foguetes. Non é de extrañar que incluso haxa quen lle fixese unha canción.

E se despois da cea hai festa no chiringuito do Atzavara, un empeza a pensar en facerse fillo adoptivo.

Estomacal Bonet