Chamábase Fucking Popi. Era velloco, rubiote, melenudo, medía cerca dun par de metros. Tiña un bar en Bruxelas no que a gran atracción, ademais da cervexa branca, era xogar ao cepo: por vinte céntimos (creo), o tipo dábache un martelo e unha punta de cerca dunha cuarta de longo; tiñas que cravala nun tocón de madeira máis rápido que os teus adversarios, se non querías acabar pagando as pintas de Blanche de Brugge. Seve Iribarne e máis eu foramos alí con Mário e Raquel, en pleno agosto belga, facer a dixestión duns mexillóns con maionesa, e acabamos dando tombos por non se sabe onde. Hai fotos que dan testemuña.Eu creo que, máis que calzado de birras, o tal Popi estaba un pouco pasado de fariña. Cuspía ao falar, cando contaba que fora road manager dos Stranglers nos primeiros oitenta. Mentres os outros tres do grupo ían de putas, dicía, o guitarrista e máis el comían coma reis nos restaurantes máis caros, cada día un menú, cada día unha cidade. O guitarrista acabou por escribir unha guía gastronómica das súas xiras, que é o que nos propoñemos iniciar aquí.

The Homens, unha banda de gastropop.