You are currently browsing the monthly archive for Setembro 2011.

Brodas e sistas, hoxe remata o verán do 2011 e, con el, a nosa actual encarnación como grupo. Como xa vos comentamos en posts anteriores, despois do concerto desta noite en As Pontes (Cine Alovi, 21.00 horas, 3 euros) faremos unha parada técnica: Xocas marcha á emigración e, por moito que digan, de momento non é moi cómodo facer rocanrol vía skype. O parón durará o que teña que durar: nós non sabemos canto.

Con todo, aínda quedan un par de cousas que facer e cabos soltos por atar. Nos próximos días remataremos a gravación dunha canción para o disco homenaxe a Os Resentidos que impulsa o amigo Marcos Payno, e, aproveitando, deixaremos rexistrada unha canción nova (Mans, mans, mans, coma aquela mítica de Fame Neghra, pero distinta) que xa veremos como se edita. Ademais, dentro de pouco sairá o disco de apoio á Liga Nacional de Billarda, para a que aportamos outro tema, Eles vs. nós, gravado no 2009 cabo de Santi García.

Mentres esteamos parados seguiremos dándolle á música dalgunha maneira, seguro, Roi cos Mato Grosso (que acaban de gravar disco) e outros no salón da casa coa descendencia. Iremos contando esas cousas a través das múltiples ventás que temos abertas, ou non, a ver como nos dá.

En fin, que me poño nostálxico e non digo o principal: despois do concerto de hoxe, goma estrema polos bares ponteses!

Gracias por todo.

O grupo compostelán The Homens levará o seu repertorio de pop extremo o venres 23 a  As Pontes (Cine Alovi, 21.00h., 3 euros). Para The Homens este será o último concerto antes dunha parada nas súas actividades de duración aínda por determinar.

 

Nunha data tan especial, Xocas (batería), Roi (baixo e voz), Martin Wu (guitarra e voz) e Cristovo (teclas, pandeiretas e enxeñería eléctrica) farán en As Pontes un concerto que comezará coas reinterpretacións acústicas das súas cancións feitas para a xira ‘Detrás da canción’ (2010-2011), para despois cargarse de electricidade e rematar co seu repertorio de pop enérxico e bailable.

 

A entrada ao concerto custa 3 euros, e pode mercarse na taquilla do Auditorio Municipal Cine Alovi o xoves 22 de 12.00 a 13.30 horas e o venres de 12.00 a 13.30 e a partir das 19.30 horas ata o comezo do concerto.

 

O grupo compostelán leva seis anos tentando cadrar a ecuación que combina melodía, enerxía e actitude, o gusto polo pop británico de todas as décadas e a enerxía do punk americano dos oitenta, engadíndolle psicodelia e experimentación. O seu último disco, Cuarta potencia (2009), continuación do seu celebrado Tres, é melodía a volume atronador, é inocencia pop e nihilismo negro, e mostra á banda máis preocupada polas melodías e polas letras e, á vez, máis ruidosa que nunca. Producido de novo por Santi García (Nueva Vulcano, Charades, The Unfinished Sympathy…), o disco contén doce cancións nas que The Homens envorcan todo o vivido e aprendido en un lustro de xira sen fin.

 

The Homens

VEN 23 SET, 21.00 h. 3€

Cine Alovi, As Pontes



Antes do concerto do día 23 e do noso paso á clandestinidade temos a intención gravar para o disco de homenaxe aos Resentidos que prepara o amigo Paino unha versión psych de Abdul. Unha oda é emigración, que é o que toca, vamos.

O concerto que The Homens daremos en As Pontes (Cine Alovi, 21.00 horas) o próximo venres 23 vai ser especial por varias razóns. Por un lado, será a primeira vez que toquemos na vila natal do noso batería, ilustre pontés e encargado da pirotecnia na romaría da Esfarrapa; para celebralo, faremos un programa ‘medio-medio’, coma os vermús dos profesionais, comezando cun miniset acústico e acabando en eléctrico desbocado.

Por outra parte, o bolo das Pontes vai ser o último que deamos nunha boa temporada. Xocas marcha un tempo para a emigración, así que o resto dos Homens pasaremos á clandestinidade e aproveitaremos para facer outras cousas, escribir cancións novas, engomar, sobrevivir, contribuír á revolución e reflexionar sobre a pesca da troita en América.
Gracias por todo. Seguiremos informando.
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.