You are currently browsing the monthly archive for Outubro 2007.

Aínda convalecentes da tremenda festa de aniversario da Molinera e xa estamos pensando noutra…

O venres que vén, 2 de novembro, The Homens presentaremos Tres na Sala Nasa de Santiago DC. Para un evento tan especial, contaremos cuns fenómenos que tamén presentan disco, Fanny& Alexander, e con colaboracións moi especiais sobre o escenario. Xa podedes reservar as vosas entradas para tamaño festón!

Festa de Presentación de Tres

 

E, para ir facendo boca, mañá estaremos no Aberto por reformas da Radio Galega, ás catro da tarde, con Xurxo Souto e Vituco Ruxe Ruxe. Escoitámonos!

(Efectivamente, este é un deses posts que se programan para aparecer horas despois de seren escritos. É de supoñer que, neste preciso instante, esteamos superando entre lamentos a resaca da festa de cumpreanos da Molinera. Marabillas da tecnoloxía).

Euskal Etxea.
Plaçeta Montcada 1-3, 08003 Barcelona. Tlf. +34 933 102 185

Degustazionak menu para tres homens:
Entrante de pauciños de pan con distintos tipos de sal.
1.- Gabardina de cabaciña e marmelada de tomate.
2.- Foie con pó de laranxa e módena.
3.- Atún semicrú con guacamole, solla, sésamo e mapoula.
4.- Revolto de cogomelos líquido, fungos confitados e aceite de ceboliño.
5.- Ravioli de boi e zugo de lagostino.
6.- Copa de chipiróns na súa tinta, o seu zugo, crema de allos e alloporro frixido.
7.- Manciñas de porco con mazá asada e xamón ibérico.
8.- Toco de chuleta con cebola dóce e fungos en demi-glacé.
9.- Piña colada.
10.- Biscoito bébedo de antxour saltsa.

Viño: Arabarte Reserva (Rioja)

Café
Gin tonic

Prezo por cabeza: 30€

Filosóficamente científicos e empiristas militantes, The Homens aplicámonos de vez en cando ao sano experimento de explorar a capacidade dos nosos estómagos, que habitualmente nos sorprenden gratamente. O noso Los Álamos particular foi este verán a Euskal Etxea de Barcelona. Digamos como contexto que viñamos de facer paradas gastronómicas en Cacabelos e en Logroño, das que quizá se fale aquí máis adiante, e que, aínda así, Marta (gracias por todo!) e Aritz foron capaces de meternos pola boca unha ducia de pratos, cada un máis bo e mellor servido que o anterior. A mestura de estupendos ingredientes de toda a vida coas reviravoltas que lles dá o cociñeiro (ademais dun prezo incriblemente asequible para o que un embucha) explican por que a Euskal Etxea está petada case cada noite.

Houbo quen patinou; tamén houbo quen tomou na literalidade iso de que o gin tonic é un estupendo dixestivo (a partir do cuarto a teoría compróbase decididamente falsa). Con todo, non fai falta recorrer a tubos de ensaio nin análises espectrográficas para concluír que si, a Eukal Etxea é un puto templo.

Ala, xa valeu de tanto parolar. Chegou a hora de vérmonos as caras. Este sábado, The Homens empezamos a estirar en directo as costuras do noso traxe novo, Tres. Desde logo, non se nos ocorría mellor maneira de arrancar que tocando no aniversario do noso muíño eléctrico favorito, A Molinera de Vilarrubín, na Peroxa, con Boy Elliott & the Plastic Bags, Los Santos e os Stuches pinchadiscos. Cao, vai preparando as brasas para o churrasco!

1192741187_f.jpg


E, para a semana que vén, presentación mundial de Tres na Sala Nasa, en Santiago D.C., xunto a Fanny e Alexander e amigos varios! Xa vos contaremos!

Restaurante Cau del Pescador.
C/ St. Domènec, 11 · 17220 Sant Feliu de Guíxols · Tel. 972.32.40.52

Menú para tres homens:
Anchoas de Sant Feliu sobre tostas.
Peixes do día fritidos.
Arroz mariñeiro ou suquet de rape.

Postre de difícil recordo despois de varias botellas de Viña Esmeralda.

Café e copazo de Estomacal Bonet.

Prezo por cabeza: Á espera de atopar factura, págase con gusto.

Ser fan é unha cousa curiosa; significa, dalgunha maneira, entregar unha parte da túa independencia a alguén ao que, no mellor dos casos, coñeces só vagamente, e a quen lle das certo poder de decisión sobre o que pensas ou o que fas, porque confías nel. Nós somos fans de perfil baixo, pero de moitas cousas: dos Super Furry Animals; do asador Entrevías no Pai da Cana; dos instrumentos con pinta de velloucos; de Óscar Pereiro e de Perico Delgado; das carriñas con frigorífico incorporado; do futbolín do Bar Tolo en D.C.; e tamén de Santi García, que, á súa vez, é fan do cociñeiro de Cau del Pescador. A nós non nos custou demasiado saber por que.

Se en Sant Feliu de Guíxols dis que vas cear ao Cau del Pescador, calquera indíxena sacará os morros, afirmará coa cabeza e fará un “hm hm” de aprobación. Para estar onde está (pegado ao Passeig del Mar), non é excesivamente guirillento, nin sequera en verán. O camareiro está sempre disposto a defender as virtudes dun Viña Esmeralda ou de calquera dos mellores penedés fronte a talibáns do Guitián e do godello. E, sobre todo, aí está o que che poñen na mesa: as anchoas de Sant Feliu bailan sobre tostas entomatadas; os peixes entran pola porta espidos, desfilando desde o mercado de Sant Feliu, 500 metros ao sur; o arroz mariñeiro faille a un bater palmas; pero o suquet, ah, o suquet é tan perfecto que un lamenta que no restaurante non haxa ventás polas que botar unha salva de foguetes. Non é de extrañar que incluso haxa quen lle fixese unha canción.

E se despois da cea hai festa no chiringuito do Atzavara, un empeza a pensar en facerse fillo adoptivo.

Estomacal Bonet

Aínda un pouco flipados por estes primeiros días na vida de Tres (o contador da nosa web dá algo así como 10.000 visitas no primeiro día, aínda que, para que engañármonos, non é que entendamos moi ben como funciona o trebello), avanzámosvos que poderedes escoitarnos pontificando sobre o divino e o humano en varias sintonías radiofónicas de aquí á semana que vén:

- Xoves, 18 de outubro. Cuac FM, contra as 18.15h.

- Venres, 19 de outubro. Radio Galega, O Tren. 19.00h.

- Domingo, 21 de outubro. Radio Galega Música. Radio Oceánica, ás 22.00h.

Escoitámonos!

Non pode ser casualidade que o mesmo día no que nace Tres o Tour de Francia faiga xustiza e lle dea o que é seu a Óscar Pereiro, o fenómeno que nos inspirou La Colombière…

Boas, xente!

Se a partir de hoxe vos pasades pola vosa tenda de discos, é de esperar que atopedes Tres, o noso novo disco. Poderédelo atopar en dous formatos: un, con vinilo de carpeta dobre e cd de audio máis mp3 e póster incorporado; outro, en versión económica con cd de audio e mp3 unicamente. O disco edítao Falcatruada, así que, se vos apetece telo entre as mans, nunha versión máis cálida que a que podedes descargar da nosa web, tamén facerlle unha visita á pola súa páxina.

Non podedes imaxinar o ben que o pasamos gravando Tres con Santi García, un dos tipos con máis talento e savoir fair -en todos os sentidos- que atopamos na vida. Sant Feliu de Guíxols foi para nós quilómetros, música e traballo, si, pero tamén praia, festa, resaca, épica ciclista, amigos para sempre, pulpadas espesísimas e restaurantes de categoría mundial dos que vos iremos falando nesta ventaniña.

E, para celebrar que Tres xa está na rúa, arrinca o…

THE HOMENS ROTKCT!!! (Return Of The Killer Carriña Tour)

27 de outubro – A Molinera. Vilarrubín, A Peroxa, Ourense.

2 de novembro – The Homens + Fanny & Alexander + estrelas convidadas. Festa de presentación de TRES. Sala Nasa, Santiago D.C.

8 de novembro – Festa Major de la Universitat Autónoma. Barcelona.

Xa temos ganas de vervos as caras…

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.